Partido Popular de Lugo

Candia: “O domingo ten que ser un non aos teatros de Sánchez e ao seu abandono das infraestruturas da Montaña e un si á defensa do sector primario lucense en Europa”

Becerreá, 5 de xuño de 2024. A presidenta do PP lucense, Elena Candia, deixou claro durante unha reunión en Becerreá con alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca da Montaña que “este domingo 9 de xuño a resposta nas urnas debe ser un non a Sánchez, aos seus teatros; pero, sobre todo, ás súas políticas de abandono das infraestruturas na nosa provincia que prexudican, especialmente, aos veciños e veciñas desta comarca e outros condutores e transportistas que empregan frecuentemente a A-6”.

Candia subliñou que “este venres se cumpren dous anos da caída dunha ponte do viaduto do Castro e os lucenses seguimos illados e sen recuperar a normalidade na conexión coa Meseta porque só está habilitado un único carril dos cinco da autovía; é dicir, só está operativa a un 20%”. E a isto, engadiu, “o mal estado do firme que impide empregar o carril dereito e para o que levamos tempo pedindo un plan integral de reparación desta autovía”.

A mandataria do PP lucense pediu o voto para defender os intereses dos veciños de Lugo e da Montaña en Europa apelando á “unión e compromiso do PP da comarca” como demostra a concorrida reunión comarcal na que tamén participaron o lucense e membro do Executivo autonómico Alfonso Villares, o deputado nacional e presidente da Comisión Mixta da Unión Europea, Francisco Conde, e o portavoz do PP local, José Fernández Carrete, entre outros representantes do PP lucense.

DEFENDENDO O FUTURO DO SECTOR PRIMARIO

Os populares incidiron tamén en que “as políticas europeas afectan a todos os municipios e ao día a día de todos os lucenses e un exemplo claro son as medidas que afectan directamente aos nosos gandeiros”. A este respecto lembraron que “o Partido Popular ten moi en conta a realidade dos nosos veciños e veciñas e da súa actividade que nos proporciona produtos de calidade ao mesmo tempo que coidan da nosa Montaña”.

O responsable autonómico do Mar, Alfonso Villares, remarcou a importancia de acudir ás urnas este domingo, pois, segundo apuntou, “está en xogo o futuro de sectores tan importantes en Galicia e, dun xeito particular, na provincia de Lugo, como é o primario”. Neste senso, destacou que “o agro e a pesca centran boa parte da economía galega e provincial e a súa xestión depende das políticas europeas e dunha PAC e dunha PPC que permitan impulsar o traballo dos nosos gandeiros e de todas a familias vencelladas ao mundo marítimo”.


A este respecto, Villares puxo en valor que, “fronte a aqueles representantes políticos que só limitan a acariciar unha merluza para a foto, dende o PP reclamamos que os próximos comisarios de Agricultura e de Pesca sexan do Grupo Popular. Se algunha formación é a que ten máis presente ao sector primario ese é o PP”, concluíu.