Partido Popular de Lugo

O PP aposta dende Sarria por “unha ampla representación en Europa” para defender que os fondos europeos “favorezan o desenvolvemento do noso territorio”

Sarria, 4 de xuño de 2024. A presidenta do PP lucense, Elena Candia, aproveitou a participación dos responsables autonómicos de Facenda e Medio Rural, Miguel Corgos e María José Gómez, na reunión con alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca de Sarria para incidir na implicación das políticas europeas no reparto de fondos para afondar no desenvolvemento do noso territorio e no establecemento de medidas que afectan ao sector gandeiro, “prioritario nesta comarca”. Así mesmo, subliñou a importancia da presenza dos representantes do Partido Popular en Europa para “coñecer de preto os distintos programas a través dos que poder captar fondos europeos que xeren oportunidades na provincia”.

Candia tamén aposta pola “redución da burocracia” que permita “centrar os esforzos na propia actividade e non no papeleo”. De feito, a proposta do PP recolle a redución da carga regulamentaria en xeral e nos eidos do emprendemento e da agricultura e gandería, de forma específica.

Gómez coincidiu en defender “unha redución da burocracia” na nova PAC e unha maior flexibilidade e adaptabilidade á realidade galega das diferentes medidas, cuestións que se solicitou en varias ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

FONDOS EUROPEOS

Miguel Corgos subliñou que Galicia terá percibido en global máis de 32.000 M€ de fondos comunitarios dende 1986 ata finais desta década. “Ter este volume de recursos é esencial, pero a clave é poder aproveitalos. E Galicia é un exemplo de xestión e execución”, continuou. De feito, Galicia executou 1.300 M€ dos fondos FEDER e FSE para o período 2014-2020, xestionou máis de 1.000 M€ de fondos de desenvolvemento rural (FEADER), os 440 M€ do fondo REACT-UE para a reactivación económico logo da Covid-19 e está a executar con axilidade os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Así, defendeu que Galicia “é e seguirá sendo dilixente cos recursos procedentes da UE que favorecen o benestar dos galegos e das galegas, a través de axudas, iniciativas e proxectos que xeren emprego e calidade de vida”.

O popular explicou que “estes fondos europeos son claves para Sarria e para a súa comarca” porque “permiten financiar investimentos coma a mellora do saneamento e da estación depuradora de Sarria ou o Polo de Emprendemento e apoio ao emprego”.

O Partido Popular aposta por vincular os fondos europeos ao crecemento e á competitividade promovendo a reindustrialización, a incorporación da innovación aos sectores tradicionais e defendendo o papel das autoridades rexionais e do sector privado no deseño e xestión destes fondos.

PSOE E BNG, DA MAN DE INDEPENDENTISTAS

Os populares coincidiron en pedir “un esforzo” para as que son as cuartas eleccións nun ano e “empregar 10 minutos o vindeiro domingo 9 de xuño para votar polas propostas de sentido común do Partido Popular” dando “unha clara resposta nas urnas á situación excepcional que se está a vivir en España cun Goberno máis centrado en cumprir cos seus socios independentistas que coa nosa provincia”.

Igualmente, condenaron tamén que “o BNG se centre en ocultar nas papeletas os nomes dos candidatos doutros partidos nacionalistas” no que consideran “un engano aos electores galegos”. Nese sentido, o Partido Popular propón unha reforma da Ley Electoral para poñer fin ás ‘papeletas trampa’ e que os partidos nacionalistas non poidan ocultar ao resto de candidatos doutras rexións do mesmo Estado.