A Mariña lucense, 31 de maio de 2024.- O Goberno de España terá que explicar se está disposto a intervir a factoría que a multinacional Alcoa ten na Mariña lucense e se empregará a entidade pública SEPI como instrumento para activar esta adquisición, tal e como se fixo con outras empresas estratéxicas, como é o caso máis recente de Telefónica.
Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Carlos Serrano, presentaron iniciativas na Cámara Alta onde se interesan pola disposición do Goberno para promover medidas para salvagardar a actividade e os empregos da única fábrica de produción de aluminio primario que queda en España.
Balseiro lembra que o Goberno está obrigado a dar ese paso, a través de múltiples acordos das Cortes Xerais, Parlamento galego e de varios Plenos municipais que piden que se active, de ser necesario, a intervención pública instrumental e temporal desta factoría para buscar un comprador solvente.
Os senadores tamén poñen en valor que o aluminio primario é un metal estratéxico para a economía do noso país que, de non producirse en España, tería que ser importado a prezos máis caros, e que ten múltiples aplicacións na construción, automoción, na industria da alimentación e mesmo no tratamento de augas residuais ou os laboratorios farmacéuticos. De feito, a actividade de Alcoa foi declarada “esencial” durante a recente pandemia.
O Goberno tamén terá que aclarar porqué desde a Moncloa non se promoven todos os instrumentos públicos de apoio para a industria electrointensiva. Balseiro cita esas medidas entre as que está un novo estatuto eléctrico verdadeiramente eficaz, esgotar as compensacións por CO2 ata o máximo que permite a Unión Europea, novos apoios vinculados á interrompibilidade ou a axilización dos parques eólicos e dos contratos de electricidade a longo prazo (PPAs) que abaratan o prezo da luz para este tipo de industria altamente dependente da enerxía.
UNHA SITUACIÓN QUE PREOCUPA
Nas súas iniciativas os senadores sinalan que en últimos anos a continuidade da actividade e futuro de Alcoa San Cibrao está en dúbida, fundamentalmente como consecuencia da incapacidade do Goberno de España de garantir un marco eléctrico estable e competitivo para nosa gran industria electrointensiva, que compite con empresas asentadas noutros países europeos onde a sensibilidade a favor desta industria é maior, conscientes do valor estratéxico que representan.
A realidade é que miles de empregos e o futuro de toda unha comarca e, por extensión da provincia de Lugo, onde a actividade desta fábrica de aluminio representa o 30% do seu PIB, ademais de ser o principal motor económico e de forza laboral da zona, esixe un maior compromiso por parte das administracións e, particularmente do Goberno de España, única administración competente no ámbito tarifario e na regulación do mercado da electricidade.