Lugo, 28 de maio de 2024. A presidenta do PP lucense, Elena Candia, convidou durante unha reunión na comarca de Chantada na que participou o alcalde, Manuel Varela, e o candidato ás eleccións europeas Francisco Millán Monforte a “acudir o 9 de xuño ás urnas e enchelas de votos ao Partido Popular, como pasou fai un ano aquí en Chantada e no resto das citas electorais do último ano”.
Candia pediu o apoio ao PP porque “imos defender sempre os intereses dos españois, galegos e lucenses dende a moderación, o sentido común, o coñecemento das particularidades do territorio e das necesidades dos nosos veciños” fronte a outras forzas que “se alían coa esquerda ecoloxista máis radical” que defende “políticas medioambientalistas que cuestionan aos nosos gandeiros, agricultores, e pescadores”.
Os populares incidiron en que “as decisións que se toman en Europa afectan á nosa provincia” en asuntos como a gandería, a pesca, a transición ecolóxica ou o reparto de fondos; ademais da agricultura ou o comercio exterior, eidos económicos importantes na comarca de Chantada e no sur da provincia de Lugo onde a viticultura é un dos motores económicos, sociais e de desenvolvemento do territorio. “O Partido Popular propón unha Europa ao servizo dos europeos: con medidas concretas que melloren a vida de todos”, remarcou.
Millán Mon reincidiu en que “o Partido Popular traballa dende Europa para crear emprego, crecemento, oportunidades para os mozos e mozas e o benestar para as familias” e subliñou a necesidade de que “España reciba financiamento europeo” para o desenvolvemento de proxectos tanto no ámbito industrial coma no das infraestruturas ou servizos.
Así, convidou a participar nas eleccións europeas apoiando ao Partido Popular igual que nas últimas eleccións autonómicas para dar “unha resposta clara ante as políticas populistas de Pedro Sánchez”.