Partido Popular de Lugo

O PP critica que PSOE e BNG votan en contra de apoiar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Martes, 28 de maio de 2024. “José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a dar as costas á Ribeira Sacra e á provincia”. Así se expresaba o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras ver como o goberno provincial votou en contra de apoiar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, ademais de crear un plan de impulso desta zona da provincia, que conta cun gran potencial económico e turístico.

Os deputados do Grupo Provincial popular pedían á Deputación de Lugo que liderase un Plan de Impulso para a Ribeira Sacra “conscientes do potencial e das posibilidades desta zona da provincia” e que “precisan do impulso que lle teñen que dar as diferentes administracións con actuacións coordinadas”.

Un Plan de Impulso da Ribeira Sacra que debería de poñer en valor a paisaxe, a viticultura ou a idiosincrasia desta comarca e que debe de apoiar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, liderada pola Xunta de Galicia.


A Ribeira Sacra ten numerosas potencialidades, moitas delas impulsadas baixo un goberno do Partido Popular á fronte da Deputación de Lugo como os embarcadoiros, as rutas fluviais en catamarán ou a creación da rede de estradas provincial, a máis extensa de España e que serve para vertebrar a provincia e conectar municipios.

Para os populares, dende a Deputación hai que facer valer ese papel de líder da provincia para afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia ou o Goberno Central. “A Deputación non pode quedar atrás de novo sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”, sinalaron.

CENTRO DE ATENCIÓN A MAIORES DE FOLGOSO DO COUREL

Os deputados populares critican que José Tomé siga dando as costas aos acordos e convenios de colaboración asinados con diferentes concellos da provincia para poñer en marcha residencias e centros de atención a maiores como é, neste caso, o centro comprometido en Folgoso do Courel.

Antonio Ameijide sinala que se pedía ao goberno provincial que impulsase os trámites necesarios para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores neste municipio, comprometido en 2015 polo goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello de Folgoso do Courel cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018.

Para os populares “non é unha sorpresa” a negativa do goberno provincial a impulsar este centro de maiores e recordan que os últimos avances datan de decembro do 2022 cando o goberno provincial trasladou nunha reunión coa alcaldesa a necesidade de revisar os prezos recollidos no proxecto para evitar que quedase deserta a licitación, como ocorreu noutros casos. “Dende aquela tiveron tempo suficiente para revisar eses prezos pero non houbo avance algún e a data límite para a licitación, remate e recibimento das obras é o 26 de xullo de 2025”, segundo se estipula na segunda addenda ao convenio.

O voceiro popular esixe ao goberno provincial que “cumpra cos compromisos adquiridos” con este municipio e con todos os da provincia, como pode ser o caso de Becerreá, onde hai unha residencia comarcal rematada e que non se abre “polo capricho político” de Tomé, a pesar do clamor veciñal de toda a comarca dos Ancares.

ARRANXO LU-170

Os deputados populares amosaron o seu apoio á iniciativa presentada polo PSOE para arranxar a estrada LU-170 entre Parga e Cabreiros xa que “por coherencia se pedimos o arranxo de calquera estrada provincial cando o precisa, neste caso tamén”.

Unha coherencia que “non amosaron” no goberno provincial que “se permiten o luxo” de pedir o arranxo desta entre poboacións de Guitiriz e Xermade, mentres teñen en moi malas condicións as estradas provinciais ao seu paso por estes municipios, como poden ser a LU-P-2207 ou a LU-P-2301 (Guitiriz) e a LU-P-2205 ou a LU-P-2204 (Xermade).