Domingo, 26 de maio de 2024. O mantemento das estradas provinciais segue a ser unha das tarefas pendentes para o goberno de José Tomé que debe tomarse en serio esta materia para garantir a seguridade viaria en 66 municipios da provincia. “Dicimos 66 porque o restante, Monforte, no que é alcalde, as estradas da Deputación están en perfecto estado de revista”, sinalou Antonio Ameijide.
O voceiro popular comprobou, xunto a concelleira popular Flor Rubinos e veciños da zona, a estrada LU-P-2922 que presenta numerosas fochancas que poñen en risco a seguridade viaria.
Unha estrada provincial sobre a que o Grupo Provincial Popular pediu hai varias semanas unha actuación á altura da Ponte de Vilar, na parroquia de Santa María de Bóveda, infraestrutura na que non hai ningún tipo de sinalización nin elemento de seguridade para evitar a caída dos vehículos, en caso de accidente, ás vías do tren. “O único elemento que pode dar algo de seguridade neste punto é a maleza”, sinalou.
Os deputados populares seguen a reclamar “unha preocupación real” pola seguridade nas estradas provinciais a José Tomé porque “a responsabilidade final en caso de que algún día haxa que lamentar un accidente grave será do presidente da Deputación por tantos anos de abandono ao mantemento e a seguridade nas vías provinciais”.