Partido Popular de Lugo

O PP, pola seguridade dos veciños e bombeiros, esixe á Xerencia do Consorcio a resolución de problemas do parque comarcal de Barreiros

Venres, 24 de maio de 2024. Os deputados populares Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández mantiveron unha xuntanza cos bombeiros do parque comarcal de Barreiros para coñecer directamente as necesidades e problemas dos traballadores deste servizo, unha reunión trala cal os populares afirmaron saír “alarmados” polo “absoluto abandono” que sofren por parte da Xerencia do Consorcio.

Durante este encontro, os populares comprobaron como son “numerosas” as deficiencias existentes neste parque, tanto nas instalacións como nos vehículos e elementos de traballo dos bombeiros, o que evidencia “o abandono” aos que os teñen sometidos por parte da Xerencia do Consorcio impulsada pola Deputación de Lugo, a pesar de que contan cun orzamento de 5.803.624,01€ (ao final da nota xúntase un resumo de todas as deficiencias sinaladas polos propios bombeiros).

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que son necesarios “maior implicación por parte da Xerencia do Consorcio para resolver os problemas denunciados e mellor xestión dos recursos para dar solución aos mesmos”.

Uns problemas derivados da “mala xestión” realizada por parte dos cargos do Consorcio escollidos pola Deputación de Lugo que se exemplifica en que no pleno celebrado onte aprobouse un suplemento de crédito para o orzamento deste ano de 902.886,63€, é dicir, “cartos que non se empregaron o ano pasado a pesar de que eran moi necesarios para corrixir as deficiencias que presentan os parques, os vehículos, a maquinaria e os propios equipos dos bombeiros”, ao que engadiu que “isto é o mellor exemplo de mala xestión por parte da Xerencia do Consorcio”.

Ameiiide defende a “gran profesionalidade” de todos estes traballadores que “pese a todas as deficiencias de medios” que teñen que sufrir “sempre estiveron ao carón dos veciños cando os necesitaron”. Neste senso, o popular destaca que “están nunha formación constante, dando prioridade ao servizo e a prestar un servizo de calidade, sempre preocupados por minimizar o tempo de reacción”.

O voceiro popular explica que “non se pode entender” que os bombeiros teñan que sufrir todas estas deficiencias cando “son profesionais que xogan as súas vidas para salvar as dos demais” polo que urxe “darlles todos os medios que precisen para facer o seu traballo coas máximas garantías posibles”.

O Grupo Provincial Popular preguntará no pleno as medidas que se tomarán dende o goberno provincial para poñer fin a todos os problemas que aluden os bombeiros así como se estudará a posibilidade de solicitar informes técnicos dos vehículos, dos medios técnicos e do propio parque comarcal.

DEFICIENCIAS DENUNCIADAS

No referente aos vehículos de emerxencias:

  • Camión autoescada:
  • ten un problema de sobrequecemento o que provoca fallos de temperatura. Notificouse o problema en dúas ocasións, antes do verán e o 4 de novembro do 2023. Mentres non se solucione provoca que o desprazamento deste vehículo sexa moi lento para evitar que xurda de novo o problema.
  • Erros nos sensores de estabilización o que provoca que non se poida subir e empregar a escaleira, fundamental para traballos en rescates en altura e fachadas.
  • O camión pequeno, tamén chamado bul ou nodriza:
  • Non ten suficiente potencia. En pendentes ascendentes acada unha velocidade media non superior a 30 ou 40 km/h, mentres que en autovía non chega aos 60km/h supoñendo un risco para a circulación.
  • En 2023 sacaron a licitación (sen consultar a opinión dos bombeiros do parque) a compra de vehículos con menos cabalos dos que son necesarios para un correcto desempeño do traballo (240 ou 290 cv fronte aos 400 cv de media en España)
  • En zonas montañosas sería conveniente dispoñer de vehículos de tracción, como unha bomba rural pesada en lugar de nodriza.

No referente aos equipos de traballo e protección:

  • EPIS
  • Precisan equipos de respiración autónoma e máscara para rescate de posibles vítimas, sendo idóneas as de categoría 3 ao protexer de risco vital.
  • O persoal carece de traxes técnicos e, os que hai unicamente son de intervención, algúns deles herdados.
  • O persoal careceu de traxes de augas ata hai dous meses.

No referente ás instalacións:

  • As zonas de descanso non se poden empregar os días de chuvia xa que as numerosas goteiras provocan que chova dentro do edificio
  • Vestiarios insalubres
  • Goteiras e humidades nas cocheras
  • Acceso ao parque:
  • Totalmente deteriorado, con zonas con problemas para manobrar
  • Tardan 1 minuto e medio en saír á rotonda