Partido Popular de Lugo

O PP critica a decisión de Tomé no mellorar o saneamento na Compañía por “non poñer todos os medios dispoñibles” para solucionar as dificultades técnicas que alega

“Maquillar Monforte”. Este é o verdadeiro lema que guía a José Tomé na alcaldía de Monforte, un rexedor unicamente preocupado por botar asfalto por enriba do asfalto.

Unha afirmación que a voceira popular, Katy Varela, apoia nun novo exemplo do abandono de Tomé polos servizos básicos para os monfortinos, xa que vén de coñecerse que a anunciada mellora do saneamento na Compañía non se realizará.

Katy Varela explica que o alcalde de Monforte confirmou que a obra de mellora do saneamento “tantas veces anunciada” na Compañía “non se podía realizar por dificultades técnicas”. “É un experto en maquillaxe pero á hora da verdade non soluciona os problemas básicos dos monfortinos”, ao que engadiu que “un dirixente serio primeiro soluciona un problema básico como o da auga e, despois, o resto. De nada vale pintar unha casa bonita por fóra, se por dentro cae a anacos e non se pode vivir nela”.

Dende a bancada popular entenden que un bo xestor debería preocuparse por mellorar todos os servizos para os seus veciños, non só de asfaltar. Neste senso explican que “non criticamos que se mellore o asfaltado das rúas”, senón que “o que sinalamos é que cando se vaia a realizar esa actuación se melloren tamén as canalizacións existentes para facer unha actuación global que mellore todos os servizos”.

Para os populares esta actuación “é prioritaria” por ser unha zona con inundacións constantes polo mal estado dos desaugadoiros”.

Unha actuación de mellor que non se realizará que José Tomé tentou agochar anunciando os cambios de actuacións no convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil por mor dunha incidencia no cruce do Rego de Arraxo coa Rúa Morín, ante a necesidade de arranxar os tubaxes deteriorados nese punto.

“Como xa imaxinamos o que responderá Tomé xa avanzamos que, sen desmerecer a obra do Rego de Arraxo que tamén é necesaria, parécenos que a decisión de non levar a cabo o arranxo do saneamento na Compañía é un auténtico fracaso da xestión de Tomé”, afirmou.

Katy Varela afirma que José Tomé debe tomarse “en serio” o problema do saneamento e o abastecemento en Monforte, máis cando os problemas de roturas de tubaxes e cortes de auga é frecuente. 

Ante esta situación, os concelleiros do Grupo Municipal Popular presentarán preguntas no pleno deste mes para coñecer “que ten pensado facer o goberno local co problema do colector da Compañía”.