Partido Popular de Lugo

O PP condena a “parálise” na construción do centro de maiores de Folgoso do Courel e esixe ao goberno da Deputación de Lugo o seu inicio “de forma inmediata”

Folgoso do Courel, 18 de maio de 2024. Os deputados do Partido Popular esixirán no vindeiro pleno ao goberno da Deputación de Lugo o impulso dos trámites e xestións pendentes para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores de Folgoso do Courel. O portavoz, Antonio Ameijide, subliña que “é de xustiza que os veciños e veciñas dispoñan deste servizo comprometido no 2015 polo goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018”.

Antonio Ameijide, Carmen José López -vicevoceira do Grupo Provincial Popular- e Luís Fernández Guitián -deputado pola zona sur da provincia- puideron coñecer da man da alcaldesa do municipio, Lola Castro, o espazo onde está previsto construír esta residencia da terceira idade. Segundo o proxecto para o que o Concello outorgou licencia en xaneiro do 2022 -apenas unhas semanas despois de que fora solicitada-, o antigo colexio de Folgoso será demolido para construír unha nova infraestrutura de 780m2 con 52 prazas (32 de residencia e 20 de centro de día).

“O último que puidemos saber sobre os avances para facer realidade a construción e posta en servizo deste centro foi en decembro do 2022 cando o goberno provincial trasladou nunha reunión coa alcaldesa a necesidade de revisar os prezos recollidos no proxecto para evitar que quedase deserta a licitación, como ocorreu noutros casos. Pero dende aquela tiveron tempo suficiente para revisar eses prezos”, puntualiza o voceiro popular.

Ameijide advirte que “a data límite para a licitación, remate e recibimento das obras é o 26 de xullo de 2025”, segundo se recolle na segunda addenda ao convenio, polo que “urxe avanzar no procedemento para dar cumprimento a un compromiso adquirido formalmente entre dúas administracións”.

Á vista de que “os principais prexudicados son os veciños e veciñas do Folgoso do Courel aos que o predecesor de Tomé -tamén socialista- lles prometera ter acabada a residencia no 2019; solicitaremos no vindeiro pleno que o goberno provincial realice as xestións pendentes para licitar as obras e construír o centro canto antes. Unha residencia que permitiría ofrecer atención aos maiores dun concello con gran dispersión xeográfica e poboación envellecida, ademais de contribuír a fixar poboación e crear postos de traballo”, expoñen os populares.

GOBERNAR PARA TODOS

Os populares agardan que “o goberno de Tomé, PSOE e BNG deixe a un lado o sectarismo ao que nos ten acostumados e demostre que goberna para tódolos lucenses”. Aínda que “non podemos ser moi ben pensados” se “o goberno provincial non atende ás solicitudes de reunión por parte da alcaldesa para avanzar neste asunto, a última en febreiro deste mesmo ano”.