Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG teñen que permitir de inmediato acceso ao expediente da venda pública en Paradai sobre o que o PP porá “luces e taquígrafos” para coñecer a verdade

Venres, 17 de maio de 2024. A venda pública de terreos que fixo hai 17 anos a Deputación de Lugo segue inmersa nun proceso xudicial despois de que o adxudicatario solicitase a devolución dos cartos pagados, dos intereses de demora e o lucro cesante xa que en todos estes anos a Deputación de Lugo, gobernada por PSOE e BNG, foi incapaz de poñer os terreos a disposición desta persoa por non desenvolver o Plan Parcial de Paradai.

Unha venda de terreos pública da que os deputados populares solicitaron, o pasado xoves 9 de maio, acceso e copia ao expediente para poder “estudar en detalle” toda a información pero, unha vez pasado o prazo legal para poñer esta documentación a disposición -5 días hábiles- “nada sabemos máis aló de que se nos informará do día, a hora e o lugar no que se poderá consultar dito expediente”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, pregunta “que teñen que ocultar José Ramón Gómez Besteiro, José Tomé, o PSOE e o BNG para non cumprir coa lei e facilitar o acceso á documentación. Imaxinamos que non debería ser moi difícil entregar este expediente xa que, seguramente, non hai moito que tiveron que remitilo ao xulgado”, sinalou.

Ameijide subliña que “queremos acceder a ese expediente para coñecer a demanda, e que así os lucenses poidamos coñecer exactamente a canto pode ascender a indemnización e o que se reclama por este incumprimento de contrato da Deputación de Lugo durante todos os mandatos socialistas e nacionalistas”.

Dende o Grupo Provincial Popular esiximos “luces e taquígrafos” para coñecer con detalle todo o que sucedeu nestes 17 anos nos que nin socialistas nin nacionalistas, dende a Deputación e o Concello de Lugo, foron incapaces de desenvolver este Plan Parcial, “mecanismo imprescindible” para que culminase a venda pública de terreos iniciada hai 20 anos.