Partido Popular de Lugo

O PP esixe que se acenda de novo a iluminación da rotonda que une as nacionais 634 e 642 en Barreiros

“A seguridade viaria debe ser unha prioridade para todas as administracións, e tamén para o Concello de Barreiros”. Así de contundente se amosa o voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, para denunciar que a iluminación da rotonda que conecta as estradas nacionais 634 e 642 leva apagada unha semana.

“Esta rotonda conecta dúas das estradas máis transitadas da Mariña. Ninguén pode entender que non teña iluminación”, criticou.

Por este punto circulan a diario miles de condutores xa que a N-642 e a N-634 son dúas das principais arterias da Mariña xa que ademais de unir esta comarca de Este a Oeste, a N-634 dá acceso a autovía A-8.

José Manuel Gómez Puente afirma que a paciencia de condutores e veciños está chegando “a un punto límite” xa que “falamos da seguridade da xente” un tema no que “ninguén debe dubidar nin un intre e poñer todos os medios para garantir a seguridade”.

Neste senso, o voceiro popular explica que “insistiremos ata a que se acenda de novo a luz neste punto e así dotar de máis seguridade esta conexión entre as dúas estradas nacionais”.