Luns, 29 de abril de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá dúas iniciativas para defender os dereitos laborais dos profesionais do sector da limpeza que traballan para a Deputación de Lugo e para favorecer o asentamento de empresas na provincia e así xerar emprego e facer que a economía medre.
O sector da limpeza realiza un labor fundamental para garantir a seguridade e hixiene dos espazos públicos. Durante a crise sanitaria da covid-19 estes profesionais demostraron, unha vez máis a súa responsabilidade, poñéndose en primeira fila de batalla e xogando u papel fundamental: protexernos e garantir a nosa seguridade día tras día.
Pero a realidade é que se trata dun sector moi precarizado no que o 95% das súas traballadoras son mulleres, un 80% cunha xornada a tempo parcial e cuns salarios ínfimos.
Un sector que se viu obrigado a poñerse en folga indefinida o pasado 16 de outubro de 2023 ante a negativa de poder negociar un convenio colectivo que levaba vencido dende finais do ano 2021, co único obxectivo de mellorar os seus salarios e acadar unhas condicións laborais dignas.
Por este motivo, dende o Grupo Provincial Popular defenderán unha moción para instar ao equipo de goberno provincial a que estude as posibilidades legais e convencionais de aprobar un convenio propio do sector da limpeza da Deputación Provincial de Lugo.
Unha medida que se aprobou recentemente no Concello de Lugo, por unanimidade, a iniciativa do Grupo Municipal Popular. “Entendemos que se no Concello de Lugo as mesmas formacións políticas entenderon a importancia desta moción, na Deputación de Lugo tamén sexa así”, indicou.
PLAN DE IMPULSO INDUSTRIAL
O impulso de iniciativas empresariais e a creación de emprego son clave para o asentamento da poboación na provincia e para isto é necesario dispoñer de solo industrial no que asentar empresas ou permitir o traslado ou ampliación das súas instalacións das empresas xa existentes que o precisen, unha tarefa na que o goberno provincial “pode facer moito máis do que está a facer”.
Antonio Ameijide entende que dende o goberno provincial cómpre levar a cabo un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia con campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas, o estudo de posibles bonificacións do prezo das parcelas ou outros incentivos para a venda.
ROGOS E PREGUNTAS
Os populares preguntarán a PSOE e BNG por que limitaron o aforo dos plenos provinciais en contra dos informes técnicos para agocharse dos lucenses. “A realidade é que dende hai dous meses o presidente da Deputación limitou á metade o aforo do salón de plenos pese a terse celebrado actos con centos de persoas nesa mesma instalación, como a súa toma de posesión”, sinalaron.
Tamén se preguntará que vai a facer o goberno provincial co edificio que a Deputación ten en Navia de Suarna e que supón un perigo e afea a imaxe do centro da vila xa que o aspecto exterior do edificio “é de total abandono, podendo caer en calquera momento cascotes ou o propio edificio” poñendo en risco a seguridade dos veciños do municipio, xa que se atopa na Praza de España, unha zona moi frecuentada.
Dende o Grupo Provincial Popular tamén defenderán dous rogos. Un para instar á Deputación a realizar un correcto mantemento de varias estradas provinciais en Sarria e outro para mellorar a imaxe da Ruta da Fervenza, un paseo fluvial moi empregado polos lucenses para pasear e facer deporte que se atopa en moi mal estado, con varias árbores caídas no camiño que impiden o paso.