Monforte de Lemos, 24 de abril de 2024. Antonio Ameijide e Katy Varela ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que se amosaron moi contundentes contra José Tomé despois de ver como o alcalde de Monforte e presidente da Deputación “tenta buscar escusas consciente de que é o único responsable por mor dos seus caprichos persoais” da marcha do CRAEGA da vila do Cabe tras case 30 anos no municipio. “É a primeira vez que nos temos que desculpar por traballar a favor dos veciños da provincia e, neste caso, nun dos concellos da zona sur” porque “ao alcalde lle parece mal”, subliña o portavoz provincial.
Ambos ofreceron esta rolda de prensa tras ver como o PSOE presentaba sendas mocións en ambas institucións esixindo a ambos voceiros que pedisen desculpas públicas por, segundo José Tomé e o PSOE, “mentir e manipular” coa marcha do CRAEGA de Monforte. “É unha estratexia de José Tomé para tentar desviar a atención da súa persoa e botar as culpas aos de enfronte. A realidade é que non fixo nada do que estaba na súa man para que o CRAEGA quedase en Monforte e agora, sabedor de que é o único responsable, tenta escorrer o vulto”, denunciaron.
O voceiro provincial popular pídelle a Tomé “que deixe de lado os seus caprichos persoais e que estea á altura dos seus cargos e que non sexa unha carga para a provincia e para o Concello de Monforte porque o seu ego sáelle moi caro aos veciños da provincia e, máis concretamente, aos veciños de Monforte”.
Ameijide lembrou que “Tomé é o principal responsable de non sentarse a falar co CRAEGA que levaba anos intentando demandando quedarse en Monforte e empregando as instalacións do Pazo de Tor; pero a persoa que tiña capacidade para garantir que o CRAEGA seguise en Monforte negouse a falar cos seus representantes”. Os populares defenderon no pleno da Deputación do mes de marzo unha iniciativa para que o goberno provincial cedese as instalacións sen uso do Pazo de Tor e a finca de preto de 200 hectáreas que están sen producir e ante a que o presidente da Deputación, o PSOE e o BNG votaron en contra.
O PP DEFENDE OS INTERESES DE MONFORTE E OS MONFORTINOS
Katy Varela afirmou, pola súa banda, que “un alcalde de verdade se preocuparía polos seus veciños e por manter os postos de traballo na súa cidade”, ao pregunta: “Que fixo realmente o alcalde? Nada. Mirar cara outro lado e cando se lle pediu a súa axuda mirou cara outro lado e, incluso, votou en contra nos plenos”.
Varela explica que José Tomé, na súa dobre calidade de alcalde e presidente da Deputación, debería de ser a persoa “con maior preocupación” porque o CRAEGA quedase en Monforte, “pero o seu orgullo impediullo”.
Neste senso, a voceira popular recordou que “dende o Partido Popular si que nos preocupamos” polos monfortinos e porque esta organización quedase na cidade. “Un verdadeiro alcalde pelexaría ata o final por manter os postos de traballo na súa cidade”, sinalou, ao que engade que “quen minte sempre é el, como cando prometeu a empresa Pacadar ou a planta de inxectables de Indukern”.
“Paréceme ridículo que presente unha moción destas características en ambos plenos, unha proba máis de que o único que lle importa das institucións é a súa imaxe e seguir mantendo a súa carreira política. Os cidadáns somos o último que realmente lle importa, e proba diso é o tipo de xestión que fai”, sinalou.