Partido Popular de Lugo

Ameijide, sobre o paseo fluvial da Fervenza: “Un dos paseos máis empregados polos lucenses e que foi un orgullo para a Deputación agora está abandonado polo PSOE e o BNG”

Sábado, 20 de abril de 2024. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, tras percorrer o paseo fluvial Fervenza, entre Lugo e O Corgo, de máis de 20 km á beira do Miño e paralelo á estrada LU-P-2904, lamenta “o mal estado da ruta que supón un perigo para os usuarios e dá unha mala imaxe da provincia aos nosos visitantes”.

O portavoz popular chama a atención do goberno provincial para “acondicionar esta ruta moi empregada polos lucenses para pasear ou facer deporte que no seu día foi un orgullo para a Deputación – unha senda á beira do Miño que conectaba muíños e illas, cruzando o río Chamoso e o Rato-, pero que agora PSOE e BNG teñen abandonada”. De feito, “a maleza está a invadir o sendeiro que antes tiña 2 metros de ancho. Agora o paso está cortado polas silvas ou por árbores caídas que imposibilitan o paso, polo menos, en catro puntos diferentes. Urxe mellorar o estado deste sendeiro e levar a cabo o correcto mantemento da totalidade das rutas de titularidade da Deputación de Lugo”, incide.

Esta ruta sitúase nun dos corazóns verdes do centro da provincia e constitúe un recurso incomparable para achegarse á natureza, ao río e favorecer a práctica dunha vida activa. “Xa existía a ruta, pero o goberno de Tomé, de PSOE e BNG, non só non é capaz de continuar poñendo en valor os espazos naturais da provincia, senón que nin sequera mantén minimamente os espazos herdados que temos e que son competencia da Deputación de Lugo”.

Ameijide subliña que “as rutas provinciais deberían estar debidamente acondicionadas para o seu uso durante todo o ano, pero máis aínda agora: xa estamos en plena primavera, época na que se incrementa a actividade ao aire libre, e cando xa pasou Semana Santa e se aproxima o verán, que é outra temporada alta para o turismo”.

NEFASTA” POLÍTICA TURÍSTICA

Ameijide é crítico coa política turística do goberno provincial que preside Tomé dende varios ámbitos. Por unha banda, “non está a facer unha axeitada difusión e promoción turística da provincia como se recolle no regulamento do Consello Provincial de Turismo -de feito foi convocado a finais de febreiro para presentar a programación anual perdendo dous meses do ano-”.

E, por outra banda, segundo teñen advertido os populares en diversas ocasións “o mal estado da rede viaria da Deputación de Lugo non convida aos visitantes a achegarse á nosa provincia porque “non facilita nin aos lucenses nin aos turistas desprazamentos de forma cómoda e segura”. E “isto súmase a falta de mantemento dos sendeiros peonís e ciclistas”.

O popular condena, deste xeito, “a nefasta política turística de Tomé” e “o fraco favor que lle está a facer ao turismo da provincia, cando a potenciación e a dinamización deste sector deberían ser un dos eixos fundamentais do labor do goberno provincial”.