Sábado 6 de abril de 2024. Dende o Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo acusan a José Tomé de “pensar unicamente en Monforte” á vista das últimas decisións tomadas polo presidente provincial que vén de asinar “un convenio con el mesmo” por valor de 600.000€, un convenio asinado con tanta presa, que o firmou vía decreto mentres se celebraba o pleno ordinario e sen pasar por xunta de goberno para que o revisasen e opinasen o resto de deputados de goberno do PSOE e BNG.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, non ve “ética” esta decisión tomada por Tomé xa que “son moitos os concellos da provincia que teñen numerosas necesidades e piden axuda á Deputación sen que o goberno provincial lles presta a axuda que demandan, nin reciba a un alcalde que non sexa da súa cor.”
Ameijide explica que “Tomé autoasinouse o convenio durante a celebración do pleno de marzo”. Vemos como a data de sinatura é o martes 26 de marzo ás 14:24 xa que nese mesmo pleno PSOE e BNG aprobaron definitivamente o Plan Deputación. “Non contento con ampliar a partida que destina para Monforte a través deste plan, colle outros 600.000€ diante de todos para facer unha piscina”.
“Parece que quere rirse de todos ao asinalo, sen dicir nada, diante de toda a corporación”, criticou, “un detalle que non é menor” xa que ata agora o presidente da Deputación tiña a sinatura delegada nun dos seus deputados de goberno pero “semella que hai certas cousas que prefire ocultar ata ao seu círculo máis próximo. Xa non debe ter nin que lle avale no seu equipo este tipo de actitudes sectarias e egoístas. “
Pero non contento con isto, cómpre recordar que ten unha brigada da Deputación permanentemente no seu concello “discriminando ao resto”. “Non é o presidente que precisa a provincia, so quere o cargo para tentar perpetuarse na alcaldía de Monforte”, sentenciou.