Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte pide a Tomé que antes de asfaltar calquera rúa se preocupe por renovar as redes de abastecemento e saneamento

Monforte, 5 de abril de 2024. Dende o PP de Monforte pedirán no vindeiro pleno que José Tomé “deixe de ser o alcalde da maquillaxe” e comece a ter unha preocupación real pola situación de todas as infraestruturas do municipio.

A voceira popular, Katy Varela, explica que “por desgraza” os monfortinos “estamos acostumados” a ver como periodicamente sufrimos cortes na rede de abastecemento ou hai problemas co saneamento debido a roturas nestas redes.

Un problema que lonxe de solucionarse “está a enquistarse” pola política seguida polo alcalde de “botar asfalto por enriba do asfalto”.

“Consideramos fundamental que dende o equipo de goberno teñan unha preocupación real pola renovación das redes de saneamento e abastecemento, polo que pediremos que cando proxecten a renovación dunha rúa non se queden só no que ve a xente, que é o asfalto, senón tamén que planifiquen melloras nas redes de saneamento e abastecemento ou, incluso, o soterramento do cableado”, explicou.

No último pleno, o equipo de goberno aprobou un investimento de 566.781€ para a reposición de infraestruturas e bens, unha partida orzamentaria que pode destinarse a este fin, “polo menos unha parte” xa que non é a primeira vez que vemos como gastan os cartos en asfaltar para, ao pouco tempo, ter que romper o asfaltado para arranxar roturas nas tubaxes, como sucede agora na rúa Concepción Arenal.

“É necesario un plan de actuación real para poder renovar estas redes e así poñer fin aos problemas dos monfortinos neste eido”, finalizou.