Foz, 04 de abril de 2024. O Partido Popular critica o retraso no pago das axudas á natalidade o cal é un exemplo máis do desgoberno de Foz e do absoluto desastre na xestión. Unhas axudas á natalidade que puxo en marcha no seu momento o goberno do PP e que no pasado pleno aínda se viñeron a aprobar as do ano 2023.
Neste eido, a concelleira responsable da área manifestou que o retraso debese ás baixas laborais en diferentes departamentos e “iso non é unha desculpa, a desculpa é botarlle sempre a culpa aos demais, neste caso aos traballadores. A culpa é a absoluta falta de capacidade de traballo do señor Cajoto e do seu equipo de goberno e, sobre todo, a nula empatía cos traballadores, moitos deles en baixa laboral, e a unha situación administrativa precaria que leva a ter parados moitísimos expedientes”, acusa o voceiro popular Javier Jorge Castiñeira.
Tamén, o Partido Popular propuxo no pleno flexibilizar os ratios económicos para poder percibir estas axudas á natalidade dado que só 9 persoas puideron acceder a elas das 19 que as solicitaron. “Trátase dunhas axudas de 300 e 500 euros, as cales nos parecen moi interesantes, pero ao ir ligadas ao IPREM fai que das 19 solicitudes só 9 accederan a elas o que se traduce que ao final son só 3.500 euros dos máis de 10.000 que deberían estar presupostados. Polo tanto, consideramos que sería positivo que se aumentaran os ratios económicos para que máis xente poda acceder e para que non pase como agora que queden máis persoas fora da lista que perceptoras da axuda á natalidade”, manifesta Jorge Castiñeira.