Samos, 23 de marzo de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, considera que “o Servizo de Axuda no Fogar de competencia municipal vai camiño do desastre polo abandono por parte do goberno bipartito”.
O popular asegura que “a alcaldesa nacionalista minte cando di que non modificou o prezo do SAF” e así o poden constatar os propios afectados “que seguen a recibir as correspondentes cartas onde se lles informa da subida”.
O popular faise eco das queixas que moitos veciños están trasladando ao Concello “porque se duplicou o prezo; pero non se lles dá o servizo completo. Os propios usuarios dinnos que uns días veñen e outros non, segundo lles cadra; pero pagar temos que pagar igual a suba mes a mes, porque nin caso nos fan”.
Ademais, “dende hai 8 meses non se está concedendo ningunha hora a novos usuarios. É máis, hai un montón de persoas coa valoración aprobada, pero ás que o Concello non lles asigna horas de servizo”.
Os concelleiros do Partido Popular pedirán no próximo pleno que a alcaldesa e a concelleira de asuntos sociais expliquen “por que este servizo tan primordial para xente maior de Samos está completamente abandonado e non se conceden máis horas”.