O Partido Popular defenderá a permanencia do CRAEGA en Monforte, algo para o que se presentarán mocións nos plenos de todos os concellos da comarca de Lemos.
Así o anunciaron esta mañá a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, e a deputada autonómica, Raquel Arias, acompañadas de alcaldes e voceiros do PP dos diferentes concellos da comarca de Lemos, que son Monforte, Pantón, Sober, O Saviñao, Bóveda e Pobra do Brollón.
A deputada autonómica Raquel Arias afirma que “os servizos que xa temos hai que defendelos para garantir a súa continuidade para así acadar un equilibro territorial polo que, como non pode ser doutro xeito, apoiamos a continuidade do CRAEGA en Monforte”.
Pola súa banda, a voceira do PP de Monforte Katy Varela, recorda que tanto na Deputación como no concello monfortino se defenderá nos pleno da próxima semana sendas iniciativas para que a Deputación de Lugo non dea as costas a unha entidade como o CRAEGA e permita empregar os edificios en desuso e as 200 hectáreas de terreo do Pazo de Tor que están abandonadas para poder desenvolver os proxectos desta entidade. “Non habería nada máis positivo que a continuidade do CRAEGA no noso municipio dando uso a estes edificios e terreos abandonados”, defendeu.
Deste xeito, os alcaldes e voceiros do PP dos municipios da comarca de Lemos tamén defenderán nos plenos dos seus concellos iniciativas para pedir á Deputación de Lugo que permita ao CRAEGA empregar estas instalacións para que esta entidade siga traballando dende Monforte.
Ademais, Katy Varela destaca que “ogallá o alcalde tivera o mesmo nivel de compromiso para evitar que o CRAEGA marche de Monforte como o ten para acadar subvencións doutras administracións”. “Demóstrase que cando ten interese e se traballa conséguense as cousas, polo que non quere que o CRAEGA quede en Monforte”, explicou.
CHEGADA DO CRAEGA A MONFORTE
O CRAEGA mantén a súa sede principal en Monforte dende o ano 1997, cando un alcalde do Partido Popular conseguiu que tanto o CRAEGA como o Consello Regulador do Viño da Ribeira Sacra tivesen as súas sedes nesta cidade “nunha clara mostra de que as políticas levadas a cabo polo PP contribuíron a fixar a Monforte no mapa como centro de organismos de referencia coma este e de eventos de diversa índole”.
Co paso dos anos o CRAEGA medrou aumentando a súa actividade, polo que as instalacións do Multiusos quedaron pequenas para a súa actividade.
É certo que ante esta situación, dende o CRAEGA mantiveron encontros coa Deputación para trasladar a súa sede ao Pazo de Tor, para instalares nos inmobles que actualmente están en desuso e para a explotación das 200 hectáreas de finca que actualmente non se atopan producindo nin con ningunha actividade; proxecto acordado co goberno da Deputación Provincial pero que se truncou coa chegada do actual Presidente da Deputación.