“Agardamos que á quinta licitación sexa a definitiva para que os veciños da Pobra do Brollón teñan a tan ansiada residencia de maiores”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras coñecer que na xunta de goberno provincial de hoxe autorizouse a cesión do contrato de construción por parte da empresa adxudicataria a unha nova empresa.
Antonio Ameijide tamén se amosa cauto e advirte a Tomé que “nin nós nin ningún veciño da Pobra do Brollón se fía das palabras deste goberno provincial tras tantas promesas incumpridas”. “Pese a todo, agardamos que desta vez si que vaia a vencida e a residencia da Pobra do Brollón sexa unha realidade no menor prazo de tempo posible”, sinala.
O voceiro provincial popular recorda que a xestión do goberno provincial en relación á construción da rede de residencias da Deputación de Lugo é un despropósito, “por moito que traten de presumir”. “A realidade é que o goberno provincial foi de fracaso en fracaso no referente á construción da residencia de Pobra do Brollón”, subliña.
O contrato, da cuarta licitación, para a construción desta residencia resolveuse mes e medio despois de ser formalizado, o 17 de outubro, trala súa adxudicación na xunta de goberno do 29 de setembro. Agora, apróbase a cesión do contrato dunha empresa a outra. “Hai unha falta total de seriedade por parte de José Tomé, pero, sobre todo, unha total falta de respecto aos veciños e veciñas da Pobra do Brollón”, asegura.
QUINTO INTENTO PARA A RESIDENCIA DA POBRA DO BROLLÓN
O convenio para a construción da residencia da Pobra do Brollón foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019, que contemplaba un investimento de 1,4 M€.
O primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación o goberno da Deputación tardou case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto.
Na terceira licitación quedaba deserto o concurso e dende o Grupo Provincial Popular xa se advertira que era precisa unha revisión de prezos, atendendo á suba dos custes da luz, do combustible ou dos materiais da construción.
A cuarta licitación foi aprobada en abril de 2023 e adxudicada en setembro por 2,2M€.
“Todos estes atrasos supuxeron que o custo desta infraestrutura aumentara 800.000€”, explica.
Pero este non é o único caso de abandono por parte do goberno provincial ás residencias comprometidas por gobernos da súa mesma cor política. A residencia de Becerreá, rematada fai tres anos, está á espera de conectar o centro de transformación; pero sen data prevista para a súa apertura.