Partido Popular de Lugo

A alcaldesa de Samos duplica “pola porta de atrás” o prezo do SAF que presta o Concello

Samos, 8 de marzo de 2024. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia que “as melloras que tiña previstas a alcaldesa nacionalista para o SAF que depende unicamente do Concello sexan pagar máis polo mesmo”.

Así o manifesta o popular tras ter coñecemento de que os veciños que son usuarios deste servizo estean recibindo nas súas casas unha carta onde se lles comunica a suba do prezo por hora de servizo de axuda no fogar. “É unha subida esaxerada”, que contrasta co servizo que subvenciona a Xunta de Galicia, o de atención a dependentes, que mantén o mesmo prezo.

O prezo por hora na maioría dos casos duplicouse e noutros, incluso, supera o dobre. O popular explica que “ante as protestas dos usuarios, a resposta que recibiron por parte do goberno local foi: paga que para iso tes os cartos”.

Dende o PP de Samos entenden “o descontento e preocupación veciños” porque “lles supón facer un gran desembolso monetario, cando moitos deles son persoas con ingresos limitados, o que vai repercutir en moitos casos na redución de horas ou en que teñan que deixar de recibir o servizo porque non o poden pagar”.

Os populares condenan este proceder porque “intentan colar un imposto pola porta de atrás; xa que nin sequera se levou a pleno para que así ninguén se enterase”.

LISTA DE ESPERA SEN ATENDER

Miguel Gallego explica que “hai unhas 12 persoas que levan case un ano esperando para que se lles concedan horas deste servizo e que foron reclamar ao Concello, pero a concelleira de asuntos sociais desenténdese do caso”. A este respecto, o popular cre que “o importante para este equipo de goberno é facer festas e subir fotos, pero dar servizos básicos aos veciños, como neste caso aos maiores, nada de nada”.