Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá propón que o Concello lle dedique unha rúa a Ángel Hermida Seivane, fundador da empresa laurentina Muebles Hermida

Lourenzá, 6 de marzo de 2024. O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá vén de rexistrar unha proposta para que o Concello dedique unha rúa a Ángel Hermida Seivane, o empresario laurentino fundador de Muebles Hermida recentemente falecido.

Os populares cren que “a súa figura merece un recoñecemento xeral pola súa relevancia no ámbito empresarial que supuxo unha importante repercusión económica para o noso concello” que contribuíu “á súa transformación”. Pero, “non só o seu gran labor empresarial; senón tamén a súa vinculación persoal co seu pobo xustifican sobradamente que o seu nome figure no nomenclátor”.

Os concelleiros do PP destacan que “personifica o exemplo de empresario que con esforzo e bo facer fixo deste concello un lugar destacado na provincia de Lugo”. De feito, Ángel Hermida Seivane foi nomeado fillo predilecto do Concello de Lourenzá por unanimidade de tódolos grupos políticos que formaban a corporación no ano 2008, “un recoñecemento do que tamén dispón Fernández del Riego que xa ten unha rúa dedicada ao seu nome”.

Ángel Hermida Seivane foi tamén fundador da Confederación de Empresarios de Lugo, Medalla de ouro da CEL, Conselleiro da empresa Sermu S.A, de Electromecánicos Viveiro S.A. e de Prourba S.L.

Polo tanto, dende o PP local fan esta proposta co obxectivo de “facer visible o recoñecemento social á súa figura cuxa traxectoria merece permanecer no recordo dos laurentinos”.

Os populares propoñen que o Concello estude a posibilidade de darlle o nome de Ángel Hermida Seivane á rúa na que está ubicada a antiga fábrica de Muebles Hermida, coñecida na actualidade como Carretera de Masma.