Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba urxe ao goberno bipartito a repintar os pasos de peóns no casco urbano

Vilalba, 2 de marzo de 2024. Os concelleiros do PP de Vilalba urxen ao goberno bipartito a levar a cabo o repintado dos pasos de peóns. Os populares advirten dalgúns que están practicamente despintados e “como non se vén, poden resultar perigosos para as usuarios que crucen nas rúas coma a da Emigración, Luis González Valdesuso, Novo Cazón ou de Ribadeo”.

A portavoz, Sandra López, convida ao goberno bipartito a atender os asuntos do día a día que son de competencia municipal coma a revisión dos pasos de peóns para determinar cando se debe actuar para evitar que cheguen a un punto de descoido pola falta de previsión do goberno local que resulte perigoso para a seguridade viaria.

Nese sentido, os populares piden un plan de actuación serio que recolla intervencións periódicas apoiadas nas correspondentes partidas orzamentarias previamente previstas.

ZONA INFANTIL

López incide na necesidade de pintar os pasos de peóns do casco urbano para que sexan perfectamente visibles; pero, subliña, concretamente a conveniencia de mantelos en boas condicións na zona próxima á escola infantil e á gardería municipal pola maior afluencia de familias con nenos pequenos, tendo en conta que tamén se ubica na zona un parque infantil.