Monforte de Lemos, 29 de febreiro de 2024. “A auga é fundamental na vida cotiá de calquera persoa e iso non se tapa con bombas de fume como suprimir os pasos a nivel”. Así de contundente se amosou a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como hai tres días que as parroquias do municipio están sen auga e hai problemas coa presión na cidade e José Tomé anuncia que vai a suprimir os pasos a nivel no municipio.
A voceira popular di que “semella que estamos no día da marmota porque os problemas coa auga son o pan de cada día”.
Recordan dende o PP de Monforte que na madrugada do luns, toda cidade quedou sen auga e que dende o propio concello unicamente se limitaron a comunicar que se debe a unha avaría na potabilizadora e restrinxen a auga ás parroquias.
Pois ben, a realidade é que “onte seguiamos no mesmo punto, coas parroquias sen auga e con moitos barrios da cidade sen presión de auga” e, engade, a única saída que atopan no goberno local é dicir que para arranxar a avaría eléctrica están a falar coa empresa subministradora da enerxía.
“No tempo no que vivimos non se pode ter a un municipio como Monforte con pouca presión ou directamente sen auga. José Tomé ten que asumir as súas responsabilidades e non escusarse con bombas de fume como vai a investir 7M€ na supresión dos pasos a nivel. De que nos serve se non temos auga nas casas?”, sentenciou.