Martes, 27 de febreiro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular acadaron o compromiso do pleno “a pesar do voto en contra do PSOE” para que Concello de Lugo, Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia impulsen conxuntamente a legalización e ampliación das instalacións da Sociedad Protectora de Animales y Plantas de Lugo.
Antonio Ameijide recorda que as instalacións da Protectora atópanse nunha parcela da Deputación de Lugo, polo que como administración titular e responsable dos terreos está a pagar as sancións que impón a Confederación Hidrográfica Miño Sil “pola non regularización das instalacións”.
O voceiro popular explica que tras manter contactos coa Confederación Hidrográfica Miño Sil “podemos confirmar que as instalacións actuais da Protectora son legalizables e ampliables” polo que se “desmontan así anos de mentiras de PSOE e BNG”.
Antonio Ameijide sinala que “agardamos que o voto a favor do BNG nesta iniciativa non sexa de cara á galería e ademais de premer o botón do SI presionen aos seus socios de goberno para traballar para regularizar e ampliar as instalacións e así mellorar notablemente as condicións nas que se atopan os animais que alí viven”.
RESIDENCIA DE BECERREÁ
Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a actitude e a postura que José Tomé, PSOE e BNG adoptaron coa residencia de maiores de Becerreá “a cal van a manter pechada a pesar do clamor popular que hai nese concello e na súa comarca” para que se abra e así dar servizo a uns 140 usuarios.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que “nada fixeron dende o goberno provincial” por abrir estas instalacións “ao non dedicar nin un euro nos orzamentos provincias para 2024 nin no Plan de Contratación da Deputación para este ano”.
Dende o Grupo Provincial Popular tamén esixen ao goberno de José Tomé que retire “os insultos” que dirixiron aos veciños de Becerreá aos que cualificaron de “mentirosos e manipuladores”. “Nos o que fixemos foi dar voz aos veciños de Becerreá e levamos ao pleno a súa proposición, polo que os insultos que proferiron no debate da moción ían dirixidos aos veciños de Becerreá, polo que deben de pedir desculpas públicas”, aseguraron.
Tralo voto en contra de PSOE e BNG á apertura da residencia de Becerreá, dende o Grupo Provincial Popular sinalan que “seguiremos ao carón dos veciños e defendendo as súas xustas reclamacións”.
MÁIS INVESTIMENTOS DO GOBERNO CENTRAL
Antonio Ameijide lamentou que nin PSOE nin BNG son capaces de defender aos veciños da provincia xa que “defenden mocións nas que piden que a Xunta invista menos cartos na provincia de Lugo e néganse a esixir investimentos e compromisos reais do Goberno de Pedro Sánchez na provincia”.
Neste senso, Ameijide recordou que “tanto PSOE como BNG fixeron unha campaña de mentiras e os galegos dixéronlles que non llelas compraban”.
O voceiro popular recordou que os investimentos comprometidos pola Xunta de Galicia para 2024 na provincia de Lugo contan con visto e prace dos lucenses, “xa que o 54% dos veciños da provincia apoiaron a Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro”. “O presidente ten un compromiso co 100% dos lucenses e vai a cumprir”, afirmou.
APOIO AO SECTOR GANDEIRO
O Grupo Provincial Popular tamén se posicionou ao carón do sector agrogandeiro durante o pleno xa que “este grupo vai estar a carón do sector e das súas reivindicacións porque é dos máis importantes para a provincia. Ante as esixencias que asfixian ao sector, consideramos xustas as súas reivindicacións”.