Partido Popular de Lugo

O PP seguirá defendendo a apertura da residencia de Becerreá ata acadar compromisos, prazos e orzamentos concretos de José Tomé

Luns, 26 de febreiro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá unha iniciativa para reclamar á Deputación de Lugo a apertura da residencia de Becerreá en 2024.

En concreto, dende o Grupo Popular pedirase que a Deputación de Lugo inicie e axilice as xestións administrativas e contratacións pendentes en relación ao centro día e residencial comarcal en Becerreá, co fin de que non se retrase máis a apertura deste servizo largamente demandado polos veciños deste concello e da súa comarca e se poña en funcionamento neste ano.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que “segundo puidemos ver no plan de contratación da Deputación de Lugo para 2024 non hai nin un céntimo previsto” para a apertura da residencia de Becerreá neste ano. “Ante esta situación non deixaremos sós aos veciños desta comarca e defenderemos cantas iniciativas sexan necesarias e participaremos de todas as manifestacións que se convoquen ata que Becerreá e a comarca dos Ancares teñan en funcionamento este servizo”, afirmou.

“Non imos a permitir que esta residencia, na que todos os lucenses investimos 4M€ non se abra por unha vinganza persoal de José Tomé contra o alcalde de Becerreá”, sentenciou.

PROTECTORA DE ANIMAIS

No pleno de mañá tamén se defenderá unha iniciativa para que Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Lugo asuman o financiamento para a regularización e ampliación das actuais instalacións da Sociedad Protectora de Animales e Plantas de Lugo. Moción que tamén se defenderá no pleno do xoves do Concello de Lugo.

Ameijide ve necesaria a implicación das tres administracións para asumir o custo de regularizar as instalacións actuais e para ampliar as mesmas, algo para o que a Deputación de Lugo, cun goberno do Partido Popular á fronte, cedeu máis terreos (convenio aprobado o 25 de setembro de 2015).

Na situación actual na que se atopan estas instalacións provoca que a Deputación de Lugo, como titular e responsable dos terreos, está a pagar as sancións que impón a Confederación Hidrográfica Miño Sil “pola non regularización das instalacións”.

Dende o Grupo Popular explícase que despois de manter contactos coa Confederación Hidrográfica Miño Sil “podemos confirmar que as instalacións actuais da protectora son legalizables e ampliables”. “Unha vez máis, desmóntanse anos de mentiras de PSOE e BNG. Estas instalacións non se regularizaron aínda porque socialistas e nacionalistas non teñen vontade política, algo que a Xunta e o PP si”, explicou.

ROGOS E PREGUNTAS

Neste pleno tamén se presentarán dous rogos. Un para acadar o compromiso do goberno provincial para arranxar o cinturón comarcal na súa totalidade “e non un parche que so abrangue o 5% dos 131 quilómetros que ten”. O segundo, para que se arranxen as estradas provinciais no Concello de Ourol, principalmente a LU-P-3807.

No referente ás preguntas, dende o Grupo Provincial Popular preguntarán sobre os plans do goberno de José Tomé para o catamarán que teñen desguazado na nave de Begonte e se, tras rescatar ao Concello de Pol, o goberno provincial apoiará do mesmo xeito ao resto de municipios da provincia, no caso de que o necesiten.