Lugo, 26 de febreiro de 2024. O Partido Popular considera insuficiente o anuncio da adxudicación das obras de rehabilitación do firme da estrada nacional N-540 tendo en conta que se dilata tres anos o remate das actuacións para a mellora da vía toda vez que o prazo de execución é de 38 meses desde o seu inicio previsto para outubro do 2024.
Deste xeito, dende o PP critican “o triunfalismo” exhibido hoxe polo delegado do Goberno, cando “é coñecedor e, por tanto, permitidor” de que os seu presidente “condene” aos lucenses a convivir tres anos coa principal vía de conexión con Ourense e o AVE, ao que é imposible achegarse polas fochancas que rebentan rodas, palieres, amortiguadores, faros ou lunas.
Insisten en que, no investimento anunciado, a cantidade prevista para o 2024 non alcanza os 200.000 euros, polo que todo indica que neste ano tampouco veremos grandes avances na mellora desta estrada que está totalmente intransitable; cando o que require, debido ao seu mal estado, son actuacións urxentes. Defenden así que o Goberno de Pedro Sánchez garanta a seguridade dos usuarios e repare de forma inmediata a vía entre os quilómetros 16 e 17 -onde se teñen producido varios accidentes- antes de que haxa que lamentar un mal maior.
“O DESPREZO A LUGO, UNHA OBVIEDADE”
Remarcan que “o desprezo a Lugo” por parte dos socialistas “é unha obviedade”, como así o reflicte a partida orzamentaria do Estado para conservación e explotación de estradas que, dende o 2018, é un 207% máis alta para Cataluña que para Galicia.
O estado do firme é tan deficitario que, ao igual que acontece noutras das principais vías de comunicación da provincia, como é a A-6, as fochancas están a ser as responsables dos custes a maiores que teñen que soportar usuarios e transportistas debido aos danos materiais que rexistran os vehículos.
A DEBATE NA DEPUTACIÓN
A mellora da N-540 vén sendo obxecto de demanda do PP nos últimos anos no Congreso dos Deputados e no Senado ante o recorte orzamentario constante dende que o Pedro Sánchez é presidente. De feito, os plans que manexaba no seu día o Goberno de Rajoy para investir na reforma desta nacional ascendían a 20 millóns de euros, pero o Executivo socialista foi eliminando anualidade tras anualidade.
É por este motivo polo que o Grupo Provincial tamén exporá no Pleno da Deputación a necesidade de arranxo urxente e de garantir a seguridade nesta importante vía de comunicación que é a única que vertebra Lugo coa provincia de Ourense, pois o Goberno tampouco avanza na construción da A-56.