Partido Popular de Lugo

O PP de Foz pídelle “menos etiquetas e máis humildade e acerto” á señora López Couto

Foz, 23 de febreiro de 2024. O PP de Foz pídelle menos etiquetas e máis humildade e acerto á concelleira de Cultura, a señora López Couto, á vez que critican que non queira aceptar que se cometeron erros graves na organización do baile do Entroido de Foz.

“En contra do Entroido van os que organizan mal e provocan que moita xente, nun día de diversión, se teña que ir para a casa con crises de ansiedade, choros e sustos no corpo, lamenta a concelleira popular Verónica Soto.

“Desde o PP de Foz defendemos e queremos ao noso Entroido, sendo o noso máximo obxectivo que mellore ano a ano; queremos un Entroido no que desfrute todo o mundo, no que se desfrute en plenitude, un Entroido de calidade e seguro”, afirma Soto.

“Pedímoslle, xa non só ao PSOE e á señora Inés López Couto senón, tamén, ao BNG como socio de goberno, un pouco de humildade e o recoñecemento do problema e, polo tanto, que voten a favor da comisión de investigación para poder depurar responsabilidades e analizar os erros cometidos para que non volvan a ocorrer” finaliza a concelleira popular.