Partido Popular de Lugo

Nicole Grueira: “Onde mete os cartos o alcalde para que a Deputación teña que vir a pagar ata a gasolina”

“Esiximos ao alcalde a que explique a que destina os fondos municipais”. Así de contundente se amosou a voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, tras coñecer que a Deputación de Lugo tivo que “rescatar” ao Concello de Pol para facer fronte aos gastos correntes.

O pasado venres a xunta de goberno da Deputación aprobou un convenio de cooperación entre o ente provincial e o Concello de Pol para o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos. O convenio que ten un orzamento de 240.000€ (200.000€ a Deputación e 40.000€ o Concello de Pol).

O desglose dos gastos é o seguinte:

  • Servizo de urbanismo: 17.000€
  • Reparación de vehículos: 51.000€ 
  • Combustible: 107.000€
  • Seguros para vehículos: 20.000€
  • Plataformas dixitais: 13.000€
  • Adquisición de cloro: 6.000€
  • Compra de material para reparacións da rede de subministro de auga: 5.000€
  • Localización, arranxo de fugas, lectura trimestral de contadores: 13.000€
  • Compra de sementes e fertilizantes: 8.000€

Nicole Grueira recorda que xa se puxo en dúbida, en varias ocasións, a capacidade do alcalde para dirixir o concello, recordando casos como a ausencia de orzamentos municipais para 2024 ou os recoñecementos extraxudiciais de pleno que se levarán a pleno por valor de 509.171,78€, dos que só 2.438,48€ corresponden ás dietas do alcalde do último trimestre de 2023. “Vemos como non ten cartos para afrontar gastos correntes como o combustible dos vehículos e os seus seguros, pero si que o hai para as súas comidas”, denunciou.

“Vemos como o alcalde socialista segue a danar a imaxe do Concello de Pol e, neste caso ademais, as arcas municipais, despilfarrando os cartos e pedindo a outras administracións o rescate”, ao que Nicole Grueira engadiu que “é certo que unha das funcións das Deputacións é a cooperación cos concellos, pero tamén o é que os socialistas sempre danan todas as adminsitracións que gobernan”.