Monforte de Lemos, 14 de febreiro de 2024. As candidatas do sur lucense ao Parlamento galego polo PP, Katy Varela e Raquel Arias; a titular de Política Social e Xuventude do Goberno galego e candidata pola provincia da Coruña, Fabiola García; e deputado monfortino no Congreso, Francisco Conde, mantiveron unha reunión con representantes de entidades sociais de Monforte de Lemos para coñecer de preto as súas demandas e trasladar as iniciativas e apoios que ten implantado e que prevé implantar o Goberno de Rueda.
Varela subliñou a achega de preto de 2 M€ (1.920.000 euros) por parte deste departamento durante o 2023 á cidade do Cabe para sufragar distintos servizos ou apoiar a colectivos vulnerables. A popular remarcou os preto de 950.000 euros dirixidos ao Concello para contribuír a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar. Pero o Goberno galego tamén dirixiu recursos autonómicos para facer fronte á gratuidade da atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos, ao Bono Coidado e ás axudas para persoas dependentes con prazas en centros privados; ademais de realizar obras de mellora en centros de dependentes.
As populares incidiron en que “o Goberno de Rueda está a traballar nunha dobre vertente: o envellecemento activo—para previr situacións de dependencia—e a posta á disposición dos mellores servizos e prestacións para que as persoas que o necesitan reciban os mellores coidados co obxectivo de que todas as persoas poidan gozar dunha vida feliz e plena”.
Así, engadiron que “a atención á discapacidade en Galicia experimentou un impulso histórico. Estas persoas contan cun sistema de atención e coidados que abrangue cada etapa das súas vidas”. Algún exemplo das medidas do Goberno de Rueda é “o impulso do concerto social, unha demanda histórica das entidades sociais que blinda a súa estabilidade e incrementa considerablemente o financiamento destinado ás prazas”.
A GALICIA DOS VINDEIROS CATRO ANOS
As populares destacan, entre outras propostas para a Galicia de Rueda dos vindeiros catro anos:
Reforzar os equipos de valoración de discapacidade para reducir os tempos de agarda para o seu recoñecemento
Seguir apoiando ás familias con nenos con discapacidade desde os primeiros momentos
Prestar unha cobertura total en Galicia de atención temperá para tódolos concellos dirixida a menores de 6 anos con problemas no desenvolvemento ou risco de padecelos
Poñer en marcha e estender a toda Galicia a atención postemperá a partir dos 6 anos
Crear un programa de emancipación para persoas con discapacidade con axudas económicas e acompañamento.