Lugo, 14 de febreiro de 2024. A senadora lucense, María José Gómez, considera “electoralista e insuficiente” o anuncio da adxudicación das obras de rehabilitación do firme da estrada nacional N-540 tendo en conta que “se dilata tres anos o remate das actuacións para a mellora da vía” toda vez que o prazo de execución é de 38 meses desde o seu inicio previsto para outubro do 2024.
A popular explica que “do investimento anunciado a cantidade prevista para o 2024 non alcanza os 200.000 euros” polo que “todo indica que neste ano tampouco veremos grandes avances na mellora desta estrada que está totalmente intransitable; cando o que require debido ao seu mal estado son actuacións urxentes”. A tamén alcaldesa de Guntín insiste en reivindicar que “o Goberno de Pedro Sánchez garanta a seguridade dos usuarios e repare de forma inmediata a vía entre os quilómetros 16 e 17 -onde se teñen producido varios accidentes- antes de que haxa que lamentar unha desgraza”.
Gómez subliña que “este é un anuncio máis da política de Sánchez e o candidato do PSOE en Galicia para sacar rédito electoral: tanto anuncian estradas como falan de Alcoa; pero non solucionan os problemas, como tampouco garanten a viabilidade da fábrica de biofibras de Altri”. E engade que “o desprezo a Lugo por parte dos socialistas e, concretamente, do candidato á Xunta que foi o negociador da investidura de Sánchez faise evidente na partida orzamentaria do Estado para conservación e explotación de estradas que, dende o 2018, é un 207% máis alta para Cataluña que para Galicia”.
AGRAVIOS Á PROVINCIA EN MATERIA DE INFRAESTRUTURAS
“O Goberno de Sánchez o que fai é condenar aos lucenses a convivir tres anos coa principal vía de conexión con Ourense e a alta velocidade en obras”. Hai que ter en conta que esta estrada nacional é a única que comunica Lugo coa cidade de Ourense polo suroeste da provincia “ante a falta de avances na construción da autovía A-56”. A popular incide en que “é imposible ir a Ourense coller o AVE polas fochancas que rebentan as rodas, palieres, amortiguadores, lunas e faros”.
Gómez cre que se trata dun “novo agravio aos lucenses en materia de infraestruturas” por parte do Goberno de Sánchez apoiado polo BNG. Así, a popular lembra “os prexuízos aos veciños e transportistas que supón o mal estado do firme das estradas nacionais na provincia, así coma o da A-8 e da A-6 que se suma ao seu peche en Pedrafita onde a día de hoxe só está aberto un dos cinco carrís e coa velocidade limitada”. A autovía entre Lugo e Santiago continúa sen rematar e os proxectos doutras autovías “totalmente paralizados”.
E, por outra banda, subliñou que “a provincia de Lugo quedará fóra da alta velocidade ferroviaria pola decisión do Goberno de Sánchez de eliminar os proxectos da variantes co silencio do PSOE galego e lucense e do BNG que incluso se esqueceron de incluílas no pacto para a investidura de Sánchez”.
DEMANDA HISTÓRICA DO PP
A mellora da N-540 vén sendo obxecto de demanda do PP nos últimos anos no Congreso dos Deputados e no Senado ante “o recorte orzamentario constante dende que o Pedro Sánchez é presidente”. De feito, os plans que manexaba no seu día o Goberno de Rajoy para investir na reforma desta nacional ascendían a 20 millóns de euros, pero o Executivo socialista “encargárase de eliminalos das contas estatais”.