Partido Popular de Lugo

O PP pregunta a Tomé “se o ascenso fulgurante de Sonia Méndez é para comprar posibles favores políticos no entorno de Orozco ou controlar futuras contratacións”

Domingo, 11 de febreiro de 2024. “O PSOE continúa usando a Deputación de Lugo como chequera para a compra de favores políticos e tamén como axencia de colocación. O caso do nomeamento da xefa de servizo de contratación é absolutamente flagrante”, segundo considera o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide. Trátase de Sonia Méndez, man dereita do ex alcalde de Lugo, José López Orozco, e ex deputada provincial nomeada funcionaria interina fai apenas cinco anos.

Os deputados populares amosan a súa preocupación por dous motivos. Por unha banda, cren que “de novo o goberno provincial está intentando, probablemente, comprar a vontade doutra familia do PSOE lucense a escasos días das eleccións”. De feito, consideran que “a desesperación do PSOE é tan evidente que tiveron intentan contentar ao entorno do alcalde que expulsaron de Lugo -cedendo ás presións do BNG- para intentar contentalo a través da que fora tenente de alcalde”.

E, por outra banda, Ameijide pregúntase se “esta decisión responde ao interese do goberno que preside Tomé por ter un férreo control do servizo de contratación e poder orquestrar ou ter perfectamente controladas manobras políticas como a de Doiras ou a do procedemento de contratación do servizo Coñece a túa provincia”.

En calquera caso, “dentro da pedrea de cada semana da Deputación de Lugo, esta semana tocoulle a Sonia Méndez” á que lle soben sete niveles dentro da escala da administración -dun nivel 21 a un 28- de forma que a súa retribución subirá en 2.200 euros máis cada mes.

DECISIÓN INDECENTE

Ameijide considera “indecente que se xogue desta forma cos postos da administración desta Deputación. Sen poñer en dúbida a súa capacidade porque sabemos que a ten, o que si condenamos é que, para este goberno, a única forma de progresar dentro desta institución parece que é ir co carné do PSOE entre os dentes ou pertencer á familia política que lle interese ao presidente da Deputación en cada momento”.

O popular engade que tamén “parece indecente que unha persoa que, polo que sabemos, non é aínda funcionaria de carreira pase por diante dos que levan anos sendo funcionarios por teren aprobada unha oposición e que suman anos de experiencia nese mesmo departamento”.

DEMASIADAS CASUALIDADES

“Son xa demasiadas casualidades”, considera o portavoz. Ameijide cita outro pelotazo do goberno de Tomé, PSOE e BNG: “a finais de ano aprobaron e asinaron ás presas un convenio co Concello de Cervantes para a compra do castelo de Doiras que supón un beneficio de preto de 700.000 euros a unha fundación controlada por un alto cargo socialista”.

Recentemente, os populares tamén pedían luz e taquígrafos sobre o procedemento de contratación para o servizo ‘Coñece a túa provincia’ que a Deputación de Lugo sacou a licitación por preto de 1 millón de euros. “Agardamos que a resolución da adxudicación do contrato non se converta noutro pelotazo do que se beneficien empresas con fortes vínculos co PSOE no sur da provincia”.

“O goberno provincial de PSOE e BNG ten cartos para todo menos para manter o seu patrimonio, conservar en bo estado as estrada provinciais que usamos os lucenses a diario ou construír e abrir as residencias de maiores que eles mesmos comprometeron”, conclúe Ameijide.