Partido Popular de Lugo

O PP pide “apoio suficiente a Rueda” para “remodelar o Hospital Comarcal de Monforte que inclúe a construción dun novo edificio”

Monforte de Lemos, 10 de febreiro de 2024. As candidatas do PP lucense ao Parlamento de Galicia Raquel Arias e Katy Varela, pediron o apoio “para que Alfonso Rueda teña unha maioría suficiente e pode executar o proxecto de remodelación integral do Hospital Comarcal de Monforte que inclúe a construción dun novo edificio anexo ao actual”. De feito, “é o único candidato que nomea a este centro no seu programa electoral. E faino porque somos un partido serio, que planifica e que xa nesta lexislatura avanzou moito”. Así, engadiron que “só un goberno do PP unido, estable e cunhas contas e unhas finanzas saneadas é capaz de executalo”.

Dende as inmediacións do hospital comarcal de Monforte a onde acudiu tamén o deputado nacional monfortino Francisco Conde, o titular de Sanidade e candidato pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, explicou que “é un proxecto moi pensado e planificado que xa ten unha partida orzamentaria para iniciala nos orzamentos deste ano”. O Plan Director para renovar toda a área de hospitalización e de consultas externas do hospital suporá un investimento de 15 M€. “E comezarase a desenvolver despois das obras para un novo laboratorio de microbioloxía e unha nova área de cardioloxía que onte mesmo a Xunta sacaba a contratación por 1 M€”, apuntou.

Ademais deste exemplo de apoio ao centro hospitalario de referencia do sur lucense, o popular remarcou que “nestes últimos catro anos houbo máis probas do compromiso do Goberno do Partido Popular”. É o caso da posta en marcha, a finais do 2021, dun novo hospital de día oncohematolóxico e polivalente e unha nova farmacia para este hospital cun investimento de 1,5 M€ e, en xaneiro do 2022, do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica; e o investimento de máis de 1M€ na renovación da tecnoloxía neste hospital -un novo TAC, dous ecógrafos, un equipo radiocirúrxico, cinco sistemas de anestesia, sete lámpadas cirúrxicas ou oito estacións de quirófano-.

García Comesaña subliñou tamén “a incorporación de 21 novos especialistas con praza fixa neste hospital” a través do primeiro concurso de méritos desenvolto polo Goberno de Rueda. E isto é posible trala aprobación dunha lei “para poder ofrecer sen oposición as prazas dos hospitais comarcais e así incentivar aos médicos a vir a elas”.

PSOE E BNG SEMPRE EN CONTRA

“O Goberno do PP está a incentivar a cobertura de prazas nos hospitais comarcais. E fronte a isto, socialistas e nacionalistas, sempre en contra”. O popular lembrou que o PP logrou aprobar esa lei a pesar do voto en contra do PSOE e do BNG, “que probablemente pensarían que afogar aos hospitais comarcais lles ía dar réditos electorais”.

“O Partido Popular ten o aval de traballar por este hospital. Mentres os socialistas e os nacionalistas pasaron anos dicindo que íamos pechar este hospital, un goberno do PP foi o que instalou nel servizos tan importantes como a quimioterapia. E mentres socialistas e nacionalistas pasaron toda esta lexislatura falando de desmantelamento, o goberno de Rueda investiu case 4 millóns de euros en reformar e equipar este hospital”.

“O partido que levantou os hospitais comarcais galegos, que os dotou de novos servizos e que está buscando fórmulas para dotalos de máis persoal é o Partido Popular”, segundo concluíron os populares.

CARACTERÍSTICAS DO PROXECTO

O proxecto inclúe a construción dun novo edificio anexo ao actual hospital no que concentrar todas as áreas administrativas, de dirección e de mantemento. Desta forma permítese dedicar a planta baixa ás instalacións ambulatoria (gabinetes e consultas das distintas especialidades médicas) e, grazas ao espazo que esas consultas deixen nas plantas superiores, poderanse iniciar as reformas sucesivas das distintas áreas de hospitalización.