Sábado, 10 de febreiro de 2024. “A residencia de Becerreá non abrirá en 2024”. Tristemente así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, despois de participar, xunto a deputados do Grupo Popular na Deputación de Lugo, na manifestación desta mañá para esixir a José Tomé a apertura da residencia de Becerreá neste ano.
Antonio Ameijide explica que tras ver onte o plan de contratación da Deputación de Lugo para 2024 “confirmamos que non hai nin un céntimo previsto” para a apertura da residencia de Becerreá neste ano. “Unha noticia moi triste ver como Tomé, o partido socialista e o BNG non teñen en conta as necesidades desta comarca, con todos os seus veciños clamando pola apertura desta infraestrutura”, detallou.
Dende o Grupo Provincial Popular confirman que seguirán a apoiar esta reivindicación de toda a veciñanza de Becerreá e a comarca dos Ancares “participando en todas as manifestacións que se convoquen”, xa que “non se pode permitir que esta residencia, na que todos os lucenses investimos 4M€ non se abra por unha vinganza persoal de José Tomé contra o alcalde de Becerreá”.