Xoves, 8 de febreiro de 2024. “O presidente da Deputación está a rirse dos veciños da provincia e, neste caso, dos de Friol”. Así de contundentes se amosan Antonio Ameijide e José Ángel Santos tras ver “os parches” que realizou a Deputación na estrada LU-P-1611 da que os veciños de Friol denunciaron o seu “nefasto estado e o perigo que supón para a seguridade viaria”.
Hai unhas semanas, os veciños de Friol fixeron patente o seu descontento co estado das estradas provinciais ao paso polo seu municipio, “con fochancas de varios centímetros de ancho e de profundidade, nas que calquera vehículo pode deixar unha roda, co conseguinte risco de accidente”.
O deputado provincial e alcalde de Friol, José Ángel Santos, destaca que “estes parches son un desprezo aínda maior para os veciños de Friol que os últimos catro anos e medio nos que Tomé non investiu nin un só céntimo no mantemento e mellora destas vías”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “a realidade é que estes parches son un quero e non podo porque pode verse como xa comezaron a levantarse”. “O que tiña que facer o presidente da Deputación é tomar en serio este problema e realizar un plan de arranxo e mantemento das estradas provinciais en lugar de rirse dos veciños con estas chapuzas”, criticou.
Friol é un dos municipios da provincia que conta cun maior número de quilómetros de estradas provinciais (125 quilómetros) estando a maior parte destas vías “en condicións moi preocupantes”.
«Ademais de abandonar as estradas, Tomé pon en risco a seguridade de calquera persoa que circula por estas estradas, nas que se suceden os accidentes polo nefasto e perigoso estado do firme”, denuncian.
Dende o Grupo Provincial Popular agardan que a reclamación que o martes 30 de xaneiro realizaron máis de 500 lucenses ás portas da Deputación “faga recapacitar a Tomé” e comece a realizar o arranxo e mantemento das estradas provinciais para que “os lucenses poidamos circular por unhas vías seguras xa que na actualidade os accidentes e rebentóns prodúcense a diario”.