Vilalba, 31 de xaneiro de 2024. Os concelleiros do PP de Vilalba condenan que “o goberno local abandone a máis de 50 asociacións” tendo en conta que “na pasada anualidade non convocaron as axudas a entidades en réxime de concorrencia competitiva (por puntuación) e, polo tanto, quedaron sen poder optar sequera a ningún apoio por parte do Concello” naqueles casos nos que “non son asociacións beneficiarias das subvencións nominativas, as que determina o goberno de forma directa”.
A portavoz popular, Sandra López, advirte de que “segundo a proposta de orzamento que presenta o goberno bipartito, as subvencións nominativas a entidades asociativas nalgúns casos redúcense e noutros, quedan sen nada”. Ademais, sinala que “o goberno de Vilalba non prevé tampouco nas contas partidas específicas para sufragar a convocatoria neste ano 2024 das axudas en réxime de concorrencia competitiva ás que se poden presentar as asociacións”. De feito, este será un dos asuntos polos que esixirán explicacións no vindeiro pleno.
“A falta de apoios ás asociacións trasládase tamén ás comisións de festas que deixarán de percibir os 1.200 euros cos que colaboraba o Concello cun goberno do PP a non recibir nada. Con isto demostran claramente a falta de interese polo rural en xeral e pola dinamización social en particular”, engade a popular.
Os populares subliñan a necesidade de atender aos usuarios do SAF e a mellorar o servizo de recollida do lixo que, de feito, teñen reclamado en numerosas ocasións. Pero inciden en que “os recortes nas partidas para as festas de San Ramón e Santa María e o FIV se deben a que o goberno do PSOE fundiu todo. O goberno do PP deixara 4 millóns de euros de remanentes, pero tiraron a casa pola ventá”.
O goberno local quixo organizar as patronais dende o Concello, “pero este ano xa volven cambiar de opinión e volven ao modelo que tanto lle criticaban ao goberno do PP cando as organizaba unha comisión de festas”. A organización do FIV encargáronlla a unha empresa privada a pesar de que supuxo “multiplicar o gasto”.
MARCA FIV VILALBA
Precisamente sobre o FIV de Vilalba versará outra das preguntas que formularán os populares na vindeira sesión plenaria. Tendo coñecemento de que a empresa á que se lle adxudicou a súa organización nos últimos catro anos iniciou os trámites para rexistrar ao seu nome a marca FIV Vilalba na Oficina Española de Patentes e Marcas, queren saber se o goberno local está informado.
No caso de estar informado, queren saber os termos do acordo entre o Concello e a empresa encargada da organización do FIV sobre a propiedade da marca, toda vez que “o Concello de Vilalba ten rexistrada a marca F.I.V. Festival Independente de Vilalba”. E, no caso de non estar informado, os populares queren saber se o Concello pensa denunciar a acción realizada pola empresa ou tomar algún tipo de medida por tentar apropiarse da marca FIV Vilalba sen o seu consentimento.