Partido Popular de Lugo

O GDR Ribeira Sacra-Courel, cunha inversión de máis de 8 millóns de euros, permitiu impulsar 134 proxectos, e crear máis de medio cento de empregos

A Pobra do Brollón, 30 de xaneiro de 2024. A candidata número 6 do PP de Lugo ao Parlamento de Galicia, Raquel Arias, pon en valor que o GDR Ribeira Sacra-Courel “é un axente dinamizador de vida no rural, ao fixar poboación e ser un mecanismo de oportunidades laborais”. E é que, a través deste Grupo de Desenvolvemento Rural, que depende do AGADER, a Xunta de Galicia investiu no último mandato máis de 8 millóns de euros en 134 proxectos que permitiron a creación de 52 empregos.

Arias quixo coñecer a iniciativa desenvolvida pola panadería Herbella, de A Pobra do Brollón, e que foi posible grazas as axudas concedidas a través deste Grupo de Desenvolvemento Rural; un exemplo, dixo, “que demostra a utilidade pública deste axentes como catalizadores do emprendemento e da diversificación da economía local”.

Na convocatoria 2017-2023 apoiáronse un total de 175 proxectos nos 13 concellos que forma parte desde Grupo de Desenvolvemento Rural que supuxeron un investimento de máis de 10 M€ e que contaron con axudas por importe de 4,7M€.

O maior número de iniciativas postas en marcha foi en Sober con 36, seguido de Quiroga con 24 e Monforte de Lemos e Ribas de Sil con 19 en cada concello. En Folgoso do Courel 17, Bóveda 11, O Saviñao e A Pobra do Brollón 10 en cada un, 9 en Triacastela, 8 nas Nogais, 7 no Incio, 4 en Pantón e 1 en Samos.

UN DOS MÁIS EXTENSOS DE GALICIA

O ámbito de actuación deste GDR abarca 13 concellos. Da comarca de Lemos son os de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober. Da de Quiroga, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. Da de Sarria, O Incio, Samos e Triacastela e, pola comarca de Os Ancares, As Nogais. É así un dos Grupos de Desenvolvemento máis extensos de Galicia, ao abarcar unha superficie de case 2.000 quilómetros cadrados.