Martes 23 de xaneiro de 2024. Mañá comeza unha nova edición de Fitur e os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo denuncian que aínda nada se sabe da promoción que realizará o goberno provincial nesta feita internacional de turismo.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que Fitur “sirva como revulsivo” despois de comprobar como o turismo “non é unha preocupación” para o goberno de Tomé, a pesar “de que anos atrás, con goberno do Partido Popular á fronte da Deputación si que se coidou e tivo a este sector como unha referencia de xeración de riqueza e como un dos motores económicos da provincia”.
A realidade, explica Ameijide, é que José Tomé, dende que chegou a presidencia da Deputación de Lugo, “maltratou” ao sector turístico provincial, ata o punto de reducir a aportación económica para a difusión da imaxe da provincia en cada orzamento provincial.
Un exemplo de que o turismo era unha prioridade para os gobernos provinciais do Partido Popular “foi a aposta polos embarcadoiros e catamaráns, mentres Tomé prefire non coidalos ata o punto de crear un desguace para os catamaráns na nave que a Deputación de Lugo ten en Begonte”.
O voceiro popular indica que “é certo” que dan certa promoción á Mariña, pero “non se pode entender” que non se coiden as estradas xa que “o nulo mantemento realizado pola Deputación de Lugo nas estradas provinciais da Mariña dificulta a mobilidade a veciños e turistas, así como o acceso ás praias e puntos de interese turístico”.
Para os populares “é unha mágoa” que non se empregue o Consorcio de Turismo Provincial “como unha ferramenta de difusión da imaxe da provincia” na que todos os integrantes poidamos aportar o noso punto de vista “para acadar os mellores consensos para fomentar a chegada de turistas á provincia”.
Neste senso, Ameijide lamenta que dende o goberno provincial unicamente se empregue este órgano “como un lugar para facer unha rolda de prensa ao ano, a porta pechada, para indicar onde estivo o presidente provincial ao longo do ano”.
Por último, os populares piden que o goberno provincial coide, adecuadamente, as propiedades que ten para poder difundir a súa imaxe e atraer turistas. Neste senso, “non estamos en contra da adquisición de novos inmobles” como pode ser o Castelo de Doiras, “pero hai cousas que non se poden entender, como que se merque un inmoble por un prezo catro veces superior ao que a adquiriu o anterior dono para dar un beneficio de 690.000€ a unha fundación dirixida por un cargo socialista a nivel autonómico”.
“A realidade é que antes de adquirir novas propiedades a Deputación de Lugo debería de coidar adecuadamente as que xa ten”, finalizan.