Partido Popular de Lugo

O PP afirma que se o candidato socialista á Xunta tivese un interese real en desbloquear o Porto Seco de Monforte xa o tería feito antes dende o Goberno de Madrid

Monforte, 22 de xaneiro de 2024. Dende o PP de Monforte lamentan “a ausencia de solucións” para desbloquear o Porto Seco do municipio do candidato á presidencia da Xunta do partido socialista que “unicamente deu un paseo polo municipio”. “Non sabemos se o peor é que o candidato socialista non trouxera solucións ou que o alcalde aplaudise o seu paseo”, denuncian.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, denuncia que, unha vez máis, “queda probado que ao Goberno de coalición que preside Pedro Sánchez, co apoio na súa investidura do BNG, so lles interesa seguir a bloquear o Porto Seco de Monforte, que tanta importancia ten para a cidade, a comarca e a zona sur da provincia”.

O Porto Seco de Monforte é unha infraestrutura loxística vinculada ao ferrocarril para estimular o desenvolvemento económico de Monforte e da súa comarca. Unha vez finalizados os traballos administrativos e as obras de urbanización básicas, cómpre completar as conexións deste polígono coas principais estradas da contorna, en particular, a N-120 e a LU-933, actuacións que son “unha prioridade” para a Xunta de Galicia, algo para o que en novembro de 2010 deseñouse e aprobouse o proxecto de construción da conexión do Porto Seco, a desenvolver en dúas fases.

A primeira fase corresponde co subtramo LU-933 – N-120, duns 1.100 metros de lonxitude. Neste punto a solución aprobada inicialmente pola Xunta era incompatible coa seleccionada polo Ministerio de Fomento no proxecto da Autovía A-76, polo que se acordou a redacción dun novo proxecto de trazado e impacto ambiental que definise unha situación compatible coa A-76. Ademais, mantivéronse diversos contactos coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia co fin de fixar os criterios para que a dita solución fose autorizable, pero “a día de hoxe, existen atrancos que impiden avanzar no expediente debido ás posicións inmobilistas por parte de organismos dependentes do Goberno de España”.

Para 2024 hai consignada unha partida de 500.000€, unha actuación na que a Xunta avanzará cando se conte coa autorización por parte dos organismos estatais implicados.

Neste senso, a vicevoceira popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, afirmou que “é unha decepción ver como o presidente da Comisión de Transportes no Congreso dos Deputados non trouxo ningunha solución para desbloquear a situación”, ao que engadiu que “este inmobilismo provoca que a Xunta non poida avanzar nas obras, algo para o que ten orzamento reservado dende hai varios anos”.

Raquel Arias engade que “despois de tantos anos de parálise por parte do Goberno Central está ben que o presidente da Comisión de Transportes se interese por este tema, pero agardamos que non sexa outro pregón máis aos que xa nos ten acostumados por Galicia e que logo resultan ser promesas que nunca se chegan a cumprir”

“A realidade é que se o candidato do partido socialista á presidencia da Xunta tivese un interese real en desbloquear o Porto Seco de Monforte hoxe xa tería anunciado que o Goberno de Pedro Sánchez ten unha solución para avanzar nesta infraestrutura fundamental para o desenvolvemento económica da provincia”, indicou Arias.