Partido Popular de Lugo

Raquel Arias destaca que o Goberno de Rueda financia integramente este curso máis de 200 prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos do sur da provincia

Sober, 16 de xaneiro de 2024. A vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, acompañada do alcalde de Sober, Luis Fernández Quitián, mantiveron un encontro de traballo con traballadoras da escola infantil da localidade para recoller a súas propostas e seguir impulsando este servizo que o Goberno galego financia integramente sen custe algún para as arcas municipais.

Así, segundo avanzaron os populares, a aposta, que está a realizar o Executivo autonómico, continúa este ano co financiamento de 218 prazas nos 9 concellos da Zona Sur. “A gratuidade na educación de 0 a 3 anos é un servizo esencial e, por iso, consideramos que o esforzo inversor que está a facer o Goberno galego debe de ser posto en valor. Achegámonos aos que saben, profesionais e usuarios, para coñecer as súas propostas e seguir mellorando unha prestación que é irrenunciable para Alfonso Rueda”, afirmaron.

Neste senso, tanto Arias como Quitián trasladaron aos participantes no encontro que, coa colaboración económica da administración autonómica, o número de novas prazas neste municipio duplicouse e hoxe ascende a 41. Isto é posible tamén a que a entidade local recibiu da Consellería de Política Social 215.000 euros que permitiron a ampliación da gardeiría existente, situada no colexio Virxe do Carme e creada en 2005, para convertela na actual escola infantil. A popular, que concorre ás eleccións ao Parlamento de Galicia como número 6, indica que a axuda “está a ser moi ben acollida” entre os pais e nais de Sober e lamenta que outros municipios como o de Monforte de Lemos declinasen solicitala.

Polo que respecta ao resto de municipios da Sur, o número de prazas que financia a Xunta de Galicia este curso é de 82, en Monforte; 5 en A Pobra do Brollón e outras tantas en Ribas de Sil e O Courel; 20 en Quiroga, Bóveda e Pantón; e 41 en O Saviñao.

“É dicir, trátase dun sistema que cumpre unha dobre función: auméntase un servizo a custe 0 para as familias e axúdaselles na conciliación sen ter que aportar nin un só euro”, remarcou Arias.

MEDIDA “AMBICIOSA E NECESARIA”

Con esta medida “ambiciosa e necesaria impulsada polo Goberno galego”, segundo destacou Arias, son máis de 31.000 familias galegas as que aforran cada ano uns 2.000 euros na educación dos seus fillos. En total, o Executivo de Rueda destina a esta iniciativa 60 millóns de euros.