Domingo, 14 de xaneiro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo desexan “moitos acertos” a Miguel Fernández á fronte de vías e obras, despois de que onte se coñecese que será o novo responsable deste servizo e pídenlle “que non copie o sectarismo e os malos hábitos” do seu predecesor “que impuxo o municipalismo de amiguetes arranxando unicamente as estradas provinciais daqueles municipios gobernados polos seus afíns”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “tendemos a man a Miguel Fernández, como fixemos co seu antecesor” para poder sentarnos a falar e chegar a consensos e “mellorar a rede viaria provincial xa que se trata de garantir a seguridade viaria”
XUNTANZA DE TRABALLO
Os deputados populares continúan coa liña de xuntanzas periódicas de traballo que realizan por toda a provincia e esta semana reuníronse en As Nogais, continuando así coa política de “deslocalizar” as reunións de traballo e así poder valorizar a riqueza da provincia.
O grupo provincial do Partido Popular mantén a liña iniciada ao comezo do mandato de deslocalizar as reunións de traballos e organización de grupo, que se convocan ao longo da provincia demostrando que se pode apostar polo trato igualitario na provincia, aproveitando ademais para convidar ás mesmas aos alcaldes e voceiros da zona.
Os populares ven imprescindible que o goberno provincial reclame ao Goberno central “actuacións inmediatas e contundentes” no mantemento da autovía A6 e da N-VI para evitar situacións de risco aos condutores. “No propio desprazamento a As Nogais fomos testemuñas de como un vehículo rebentou unha roda ao pasar por un dos enormes baches que hai na vía”, explican.
A realidade é que o goberno central ten que poñer data xa a reapertura das pontes derrubadas e do terraplén.
Tamén ven fundamental o compromiso do goberno de Tomé coa residencia de Becerreá. “Segunda xunta de goberno do ano e seguimos sen compromisos e fondos para acadar a apertura desta residencia neste 2024, un servizo fundamental para toda a comarca da Montaña luguesa”, finalizan.