Paradela, 11 de xaneiro de 2024. O alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, concorrerá de número 5 na lista do PP da provincia de Lugo ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro. O rexedor xa convocou no día de hoxe un Pleno, que se celebrará mañá, para facer efectiva a súa renuncia. O seu posto ocuparao a tenente de alcalde, Monteserrat Mulet Sar, quen, na actualidade, compaxina o posto político co de médico no centro de saúde local, e da que, afirma, “reúne todas as condicións para seguir liderando o proxecto gañador que temos en Paradela”.
Mato, que leva toda a vida dedicado ao municipalismo, agradece a confianza depositada na súa persoa, tanto pola dirección provincial como pola galega, pero, sobre todo, a dos seus veciños, e enfoca a nova etapa como “unha oportunidade para seguir traballando e defendendo ao seu concello e á nosa provincia dende a máxima institución lexislativa de Galicia”.
TRAXECTORIA “IMPECABLE”
José Manuel Mato, que representa a unha comarca tan relevante como é a de Sarria, conta cunha dilatada traxectoria política dentro da formación popular, na que os veciños sempre depositaron na súa persoa e, en consecuencia, no Partido Popular un rotundo apoio. Tal é así que acumula 12 maiorías absolutas, sendo o alcalde do PP máis antigo da provincia nestes momentos e un dos máis xoves de España cando tomou posesión do cargo en 1979, con 24 anos.
Coa decisión adoptada, Mato pon fin así a unha etapa “impecable e digna de por en valor”, segundo destaca a dirección do partido, e que continuou de xeito ininterrompido durante máis de 4 décadas.