Xoves, 11 de xaneiro de 2024. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, conclúe tras revisar o expediente do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes para a compra do castelo de Doiras que “o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xestou en 5 semanas un pelotazo inmobiliario para darlle un beneficio de 700.000 (690.000) € a unha Fundación privada vinculada a un cargo socialista. Un exemplo de rapidez na tramitación administrativa cando lle convén ao PSOE”. E, todo isto, “pouco despois de que o presidente da CHMS tomara o control da Fundación, semanas antes dunhas eleccións autonómicas e motivando a compra nunha memoria de 2 cariñas e escasos 15 parágrafos que non xustifican o interese socioeconómico para o municipio nin a viabilidade desta operación, toda vez que a memoria recolle que o Concello non conta cos recursos suficientes. O único impacto económico que si se aprecia son os preto de 700.000 € de comisión que recibirá a Fundación vinculada a un cargo socialista”, subliña.
A solicitude para a formalización do convenio foi rexistrada polo Concello de Cervantes o 20 de novembro. E o 29 de decembro foi aprobado pola Deputación de Lugo, firmado por ambas entidades e no mesmo día tamén foi solicitada a prórroga por parte do Concello “ante a imposibilidade de executar o recollido no convenio antes do 31 de decembro: todo ás présas e correndo unhas semanas antes das eleccións autonómicas”.
O castelo de Doiras foi adquirido fai uns anos por 270.000 €, segundo o informe de taxación aportado pola propia Fundación que valora o inmoble en máis de 1M€, “unha cantidade claramente inflada”. De feito, “queda claro no informe da taxación que encarga o goberno provincial e que data do 13 de decembro” ao sinalar que “o valor da demanda deste tipo de construcións é nulo e que non se prevé unha revalorización do inmoble nun futuro próximo. É curioso que a partir de agora non se vaia revalorizar, pero nestes anos si se multiplicara por catro o seu valor”, incide o popular.
Outro detalle que os populares consideran chamativo é que “os responsables da taxación non accederon ao interior do castelo”, segundo recoñece o informe encargado pola Deputación de Lugo na súa segunda versión e, polo tanto, consideran que “a taxación é irreal. A primeira foi anulada e cremos que o PSOE e BNG deben aclarar se se debe a que non permitía esa comisión de preto de 700.000 €”, engaden.
Ameijide subliña que “non só se recoñece nas taxacións que o estado do castelo de Doiras é mellorable e que a demanda do inmoble no mercado é nula; senón que, ademais, as únicas melloras que sufriu nos últimos anos xa foran financiadas con fondos públicos da Deputación de Lugo a través dun convenio polo que aportaban á Fundación Xosé Soto de Fión 95.000 euros para obras de conservación e mellora”. É dicir, “o goberno provincial pagou dobremente a comisión a unha Fundación vinculada ao PSOE”.