Sarria, 9 de xaneiro de 2024. Os concelleiros do Grupo Municipal do PP lamentan que “o goberno de Camiña Sarria se esqueza do rural sarriao” por “deixar aos nenos e nenas de parroquias do municipio sen a visita dos Reis Magos; como se facía habitualmente e a pesar de estar recollido na programación do Nadal, pero sen intención real de desenvolver esta actividade”.
A voceira, Carmen José López, explica que “o Goberno Municipal utilizou a choiva como escusa cando o certo é que non había unha planificación para que as visitas se levasen a cabo. O motivo non foi a choiva, o motivo foi a evidente falta de sensibilidade cara unha parte importante do municipio formada polos núcleos do rural”.
De feito, “a choiva non impediu a visita dos Reis polas rúas da vila, pero o goberno local si a empregou como desculpa de cara ás zonas rurais cando ademais en moitas das parroquias a visita se facía habitualmente en espazos cubertos, polo que non había un motivo que en realidade xustificase esta falta de sensibilidade. Non se pode permitir que nun municipio haxa esta diferenciación”. Nese sentido, os populares agardan que “non se volva a repetir”.
ABANDONO DO RURAL
López engade que “esta circunstancia pon de manifesto unha realidade que se fai patente tamén no abandono de parques infantís e espazos de ocio e encontro en moitas parroquias do municipio, algo que xa reclamou o grupo municipal do PP nos plenos do Concello nos que pediron unha maior atención ao rural e ás súas necesidades”.