Partido Popular de Lugo

O goberno local de Cervantes prefire gastar preto dun millón de euros na compra dun castelo que en cubrir necesidades fundamentais dos veciños

Cervantes, 9 de xaneiro de 2023. Os populares de Cervantes esixen explicacións pola decisión do goberno local socialista de priorizar a compra do castelo de Doiras por preto dun millón de euros a cubrir as necesidades fundamentais dos veciños e veciñas.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular fanse eco do malestar dos veciños e veciñas ante o que consideran unha “desacertada e inxustificada decisión” tendo en conta que “as nosas aldeas carecen de servizos básicos como traída de auga municipal, saneamento e alumeado público ou vías de acceso en boas condicións”. De feito, no último pleno os populares pedían modificar o orzamento para buscar fondos para tramitar de maneira urxente dúas traídas de auga e o arranxo dun camiño veciñal, pero o goberno local socialista rexeitou esta proposta dicindo que “había poucos cartos”.

O portavoz, Óscar Fernández, subliña que “ante calquera petición o goberno socialista xustifica a súa inacción coa suposta falta de fondos municipais, pero agora aparecen 960.000 euros (900.000 que pon a Deputación de Lugo e 60.000 o propio Concello) para a compra dunha propiedade privada que estaba xa en funcionamento”.

Con este anuncio, “o goberno local deixa claro o seu desinterese por Cervantes e os cervantegos, ademais de evidenciar que o seu discurso era mentira”. Esta cantidade de diñeiro podería dar solución a moitas necesidades do concello, pero “o goberno local prefire repartir os recursos de todos de forma arbitraria e totalmente incoherente”. Porque “se quixeran potenciar o turismo, tiveron moitas oportunidades para impulsar proxectos vencellados ao noso patrimonio como, por exemplo, o albergue do Club Ancares que os propietarios cedían gratis, pero rechazado polo goberno local”.

Os populares consideran “curioso que a compra do castelo coincida cun cambio no equipo de goberno” polo que un concelleiro pasa a cobrar o salario do alcalde, unha dedicación exclusiva aprobada no pleno do 27 de decembro.

PROXECTOS COHERENTES COAS NECESIDADES DOS VECIÑOS

“Cervantes precisa un goberno serio e con capacidade para xestionar os recursos con rigor”, defende Fernández que cre que “as iniciativas e proxectos que se leven a cabo no noso concello han de ser coherentes coas necesidades e demandas dos veciños e veciñas”, remarca.