Partido Popular de Lugo

O PP esixe a Tomé a mellora das vías provinciais no Saviñao para garantir a seguridade dos condutores e dos usuarios do Camiño de Inverno no municipio

O Saviñao, 3 de xaneiro de 2024. O concello do Saviñao non é alleo á realidade que viven a maior parte de municipios da provincia ao contar tamén con numerosas vías de titularidade provincial que necesitan dun arranxo urxente, ademais doutra serie de intervencións para mellorar e garantir a seguridade.

Os deputados provincias, Antonio Ameijide, Carmen José López e Luis Fernández, acompañados do alcalde do municipio, Carlos Armesto, e varios concelleiros do equipo de goberno comprobaron como o estado das estradas de titularidade municipal que discorren por este concello “precisan de varias intervencións para mellorar o seu estado”.

Unha das vías nas que é urxente actuar é a LU-P-5806 Freán – Diomondi, unha estrada na que é preciso mellorar o firme, limpar as cunetas e mellorar a seguridade xa que é unha vía que comparte o tráfico rodado coas persoas que realizan o Camiño de Inverno. “Sería necesario, ademais de mellorar o estado desta estrada, sinalizar correctamente que haberá persoas camiñando pola vía, ademais de, nas zonas nas que sexa posible, separar o tráfico rodado dos peregrinos en prol de garantir a seguridade”, sinalou.

Pero neste municipio hai moitas máis estradas nas que é preciso realizar arranxos urxentes, como a LU-P-5802 Porto – O Casar – Corneas; a LU-P-5804 Rebordoniego – Aiaz – Morgade, a LU-P-5815 Monforte – Currelos, a LU-P-5807 Lamaquebrada – Montecelos, a LU-P-5812 Vilanova – Campoverde – Xesteira, a LU-P-5819 Belesar – Portotide – Praia da Cova ou a LU-P-4102 Ferreira – Currelos.

“O que vimos é que levan moito tempo sen realizar os arranxos necesarios nestas vías e, cando o fixeron, o que fixeron foron parches en lugar de aglomerar en quente”, explicou Ameijide, ao que engadiu que “non é un consolo, pero o certo é que os veciños do Saviñao tamén sofren o municipalismo de amiguetes imposto por Tomé, de axudar unicamente a aqueles municipios gobernados por socialistas que sexan da súa corda”.

Antonio Ameijide destaca que tanto a Ribeira Sacra como o Camiño son dous motores económicos “importantísimos” para a provincia, polo que o goberno provincial “debería de preocuparse e coidalos” como se merecen “sen poñer en risco a peregrinos e condutores polo abandono a rede viaria provincial, como tampouco se pode dar a nefasta imaxe que levan os turistas das estradas da Deputación”.