Begonte, 2 de xaneiro de 2024. O concello de Begonte non é alleo á realidade que sofren a maioría dos municipios da provincia: contar cun nulo mantemento da rede de estradas provincial, o que provoca que o seu estado sexa, na maior parte dos casos, calamitoso, provocando numerosas situacións de perigo para os condutores.
O voceiro popular, Antonio Ameijide visitou Begonte xunto ao alcalde do municipio, Jose Ulla, e o primeiro tenente de alcalde, Luis Luaña, para comprobar o nefasto estado no que se atopan moitas das vías provinciais ao seu paso por este municipio.
Entres os exemplos de vías en mal estado neste municipio están a LU-P-0801 Begonte – Veigas de Baltar; a LU-P-0802 Begonte – Santalla; a LU-P-0805 Carral – Teixeiro – Penablanca ou a LU-P-2303 Parga – Pedrafita – Santalla.
“En moitas destas vías comprobamos como a os condutores teñen que conducir pola beiravía ante a imposibilidade de facelo por lo firme polas numerosas fochancas que ten”, explicou Ameijide.
Unha situación á que se chega “polo abandono e maltrato” ao que José Tomé somete aos concellos da provincia e aos seus veciños, que se ve reflectido no rexistro de actuación dos medios do parque móbil nos dous últimos anos.
En 2022 e 2023 o presidente da Deputación repartiu a dedo estes medios, e máis do 80% dos municipios nos que actuaron estaban gobernados polo PSOE, “unha desigualdade de trato que defende e practica o PSOE”, que levou ao goberno provincial a non actuar no 75% dos municipios da provincia “polo que Tomé nin arranxa as vías que son da súa titularidade nin cede os medios aos concellos para que poidan arranxar as estradas municipais”.
No caso de Begonte, os seus veciños viron como nin en 2022 nin en 2023 José Tomé non cedeu ningunha das brigadas para que o concello puidese realizar tarefas de reparación nas vías municipais.
“A triste realidade é que as brigadas da Deputación de Lugo que deberían de estar ao servizo de todos os municipios da provincia, non o están”, lamentou.
Ameijide recorda que “a falta de mantemento da rede de estradas provinciais – á que o goberno da Deputación retira 300.000€ no orzamento para 2024 – é habitual nos distintos concellos da provincia”. Ao respecto, o popular sinala que “se nota nos concellos gobernados polo PP, pero tamén en concellos onde goberna o PSOE e que non son da corda do presidente provincial”.