“Están a xogar coa seguridade de todos os veciños de Barreiros”. Así de contundente se amosa o voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, tras comprobar como as varandas de seguridade de dúas pontes están caídas sen que se repoñan.
Gómez Puente non entende “este deixamento” do goberno local pese a que “non se trata da primeira vez” que facemos esta denuncia. “A seguridade de todos os veciños debería de ser unha prioridade para o goberno local, pero non é así”, critica.
As infraestruturas que pide reparar o popular están en dúas pontes sobre o río de San Xusto, ao seu paso polo barrio de Ladrido, e sobre o río Masma, a ponte do Barral, “dous exemplos do abandono e falta de ganas de traballar por parte do goberno do BNG”.
Para os populares son “zonas moi perigosas” que se deberían de corrixir. “Non se entende que estando nas datas nas que se adoita desexar saúde, o goberno local non dea exemplo e arranxe estes puntos perigosos para os veciños de Barreiros”, indicou.
José Manuel Gómez Puente fai un chamamento “a reflexionar” aos membros do goberno local, especialmente a Daniel García, tamén deputado provincial e que nos plenos da Deputación adoita reclamar a implicación doutras administracións. “É o momento de dar exemplo dende o Concello de Barreiros e que o goberno local asuma as súas competencias en lugar de reclamar a outros”, afirmou.
Neste senso, o voceiro popular tamén reclama ao goberno local o arranxo dun pilar dunha varanda que está sen formigón “véndose os ferros na ponte de Entreríos sobre o río Forcón de San Miguel de Reinante” e reiteramos a limpeza no tramo urbano que é unha competencia municipal que non se cumpre, tal e como fixo a Xunta de Galicia que limpou o leito do río Forcón, na zona rural, de competencia autonómica.