Partido Popular de Lugo

O PP pide a Tomé “humildade, respecto e propósito de emenda” e asuma estes compromisos para o 2024

Venres, 29 de decembro de 2023. A poucos días de comezar o ano 2024 os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo piden a José Tomé “humildade, respecto e propósito de emenda” e pídenlle que teña en conta estes propósitos de ano novo.

TRATO IGUALITARIO PARA TODOS OS CONCELLOS

Eliminar o sectarismo da Deputación de Lugo e comezar a dar un trato igualitario a TODOS os municipios para que TODOS os veciños da provincia teñan as mesmas oportunidades.

É necesario dar transparencia á sinatura de convenios, dando as mesmas oportunidades a TODOS os concellos da provincia “rematando co reparto a porta pechada que adoitan realizar”.

REMATAR CO MUNICIPALISMO DE AMIGUETES

É necesario rematar coa política imposta por Tomé de practicar un “municipalismo de amiguetes” e que a Deputación de Lugo practique un reparto de fondos “xusto, público e igualitario” para TODOS os concellos.

REDE DE ESTRADAS E PARQUE MÓBIL PROVINCIAL

Urxe que o presidente da Deputación se tome en serio o mantemento da rede de estradas provincial “atendendo todas as reclamacións realizadas por todos os municipios e non só as de aqueles concellos afíns ao goberno provincial”, do mesmo xeito que urxe a posta unha disposición xusta dos medios do parque móbil para TODOS os concellos.

SUBVENCIÓNS

Cómpre que a Deputación de Lugo realice unha tramitación transparente e áxil das axudas e subvencións.

RESIDENCIAS

A apertura da residencia de Becerreá durante o ano 2024 ten que ser unha prioridade para o presidente da Deputación, como tamén o debe de ser axilizar e impulsar as pendentes: Caurel, Portomarín, Pantón, Pobra do Brollón… e todas as xa comprometidas.

SECTOR PRIMARIO

Dar un apoio real ao sector primario da provincia (agricultura, gandería e pesca) debe ser “unha prioridade” para o goberno provincial, xa que se trata dun dos motores económicos de Lugo, aos que este goberno provincial lles quitou fondos nos orzamentos para 2024.

IMPULSO AO TURISMO

As diferentes rutas do Camiño de Santiago que percorren a provincia comparten numerosos treitos con estradas de titularidade provincial, nas que José Tomé debería de dar exemplo e, ademais de mellorar o seu mantemento, tería que proceder á eliminación dos puntos negros e perigosos naquelas zonas nas que comparten percorrido.

Tamén urxe maior preocupación polas infraestruturas turísticas, como o Museo Provincial, o Museo do Mar, o Pazo de Tor e o Museo/Fortaleza San Paio de Narla, ademais de impulsar e fomentar a Ribeira Sacra, A Mariña ou A Montaña.

ECONOMÍA

Poñer en marcha medidas de apoio ao emprendemento e o impulso e mantemento dos polígonos industriais provinciais.

INFRAESTRUTURAS

Cómpre maior implicación do goberno provincial na reclamación das numerosas infraestruturas pendentes na provincia de Lugo, como son as autovías a Santiago (A-54), a Ourense (A-56) ou a autovía da Mariña (A-74), ademais do arranxo das estradas nacionais, sen esquecer a chegada da Alta Velocidade ferroviaria á provincia xa que somos a única provincia galega que quedamos fóra.