Lugo, 20 de decembro de 2023. A Comisión de Sanidade do Partido Popular da provincia de Lugo organiza un encontro informativo aberto ao público relacionado coa saúde pública. Trátase dun novo acto enmarcado no #EspazoAbertoPopular que pretende achegar o Partido aos lucenses e que terá lugar este xoves 21 de decembro a partir das sete da tarde na sede provincial coa participación da Directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, que falará sobre os retos de presente e futuro e por onde avanza Galicia en materia de saúde pública.
A presidenta da Comisión de Sanidade do PP provincial e portavoz de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo, defende que “a consellería está apostar de forma decidida pola prevención e detección a través de vacinas e cribados”.
Así, destaca por exemplo que “a sanidade pública galega foi a primeira do mundo en incorporar a inmunización fronte o VRS ao seu calendario vacinal, que xa viña sendo dos máis completos”. Nesta lexislatura, “o Goberno galego incorporou, ademais da do VRS, as vacinas contra meninxite B, rotavirus, virus do papiloma humano e gripe no calendario infantil e herpes zoster e a vacuna contra 20 serotipos do neumococo no de adultos”.
Galicia ten xa consolidados programas para a detección precoz do cancro de colon e mama a tódolos galegos e galegas en risco e, nesta lexislatura, ampliou desde os 69 aos 74 anos a cobertura do cribado de cancro de mama. Así mesmo, completará a extensión en todo o seu territorio do Programa de detección precoz do cancro de cérvix, adiantándose dous anos á data marcada por Europa e cando a maioría das comunidades autónomas están aínda iniciando a súa implantación.
«Hai que lembrar tamén que Galicia acadou, con 34 patoloxías, a máis ampla carteira de cribado neonatal de todo o Sistema Nacional de Saúde, que unicamente marca sete enfermidades na carteira básica», segundo puntualizou a popular.